Risco achégase aos máis novos en formato banda deseñada

OURENSE

Santi M. Amil

A Deputación de Ourense e a fundación editan o cómic creado por Fernando Iglesias «Kohell»

21 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense e a Fundación Vicente Risco veñen desenvolvendo dende hai uns anos proxectos conxuntos no marco do convenio de colaboración que vencella á institución provincial coa entidade que mantén viva a memoria de Vicente e Antón Risco. E se hai uns meses, en febreiro, se presentaba a obra de Arturo Lezcano -Antón Risco, con nome propio- onte dábase a coñecer unha nova proposta vencellada con Vicente Risco: a versión en banda deseñada do seu clásico Dédalus en Compostela. O proxecto partiu da fundación e foi desenvolvido por Fernando Iglesias, Kohell.

Na presentación do traballo o presidente provincial, José Manuel Baltar, lembrou que Dédalus en Compostela «trátase da primeira obra editada en formato cómic pola Deputación de Ourense, referida a un personaxe senlleiro da nosa cultura como é Vicente Risco» e lembrou que a institución mantén a alianza coa fundación «para promover e difundir a obra deste intelectual, máis presente que nunca, porque a súa pegada está nos que seguimos afondando na nosa autonomía e na identidade social, histórica e cultural da nosa terra».

A obra, editada por vez primeira en 1929, está ambientada en 1926 e Baltar Blanco recordou que o argumento se centra en «cando o alter ego de James Joyce peregrina á capital de Galicia levado por unha forza que se asemella a ese impulso misterioso que moveu a tantas e tantos irlandeses a través dos séculos» e no seu encontro co intelectual ourensán.

Fernando Iglesias sinalou que a álbum ilustrado mantén a fidelidade ao orixinal «nun 70 ou 80 %» pola dificultade de trasladar o complexo universo de Joyce aos adolescentes e aos destinatarios do cómic.

Dende a Fundación Risco o seu vicepresidente, Luís Martínez-Risco, dixo que este novo proxecto incide na aposta da entidade polas novas linguaxes para achegar a obra do intelectual a un público moito máis amplo. Lembrou a estreita relación de Risco e toda a Xeración Nós coa tradición irlandesa e con James Joyce e sinalou que a publicacióm vai dirixida a un público amplo no que se inclúen dende adolescentes aos lectores adultos.

A presentación pechouse coa audición da música que Paulo Gonçalvez, do grupo de cámara residente na fundación, creou para o acto do Simeón.