Traballar para a cidadanía

Sergio Lago

OURENSE

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

AAsociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) nace en maio de 2008 como un espazo de encontro e reflexión, así como unha plataforma de representación profesional. Somos un colectivo heteroxéneo, do que forman parte técnicos municipais de cultura, responsables de teatros, museos e bibliotecas públicas, contando tamén con profesionais freelance e integrantes de empresas culturais.

Dende a Asociación estamos a celebrar nos últimos anos unha xeira de encontros itinerantes por toda Galicia, convidando a axentes culturais de eidos distintos para compartir experiencias e coñecemento. Sendo unha iniciativa que buscaba inicialmente pulsar a situación do sector cultural, consolidouse como un espazo de mediación cultural, un termo que define perfectamente a nosa profesión na actualidade.

Somos mediadores entre oferta cultural e públicos, pero non só, xa que somos tamén mediadores entre procesos colectivos, na participación cultural ou en proxectos de desenvolvemento territorial e social a través da cultura.

Pero se algo identifica as persoas que nos adicamos á xestión cultural é que traballamos principalmente para que a cidadanía poida acceder de xeito igualitario á diversidade cultural. Cidadás e cidadáns que sexan asimesmo partícipes activas, creadores de sentido e xeradores de coñecemento. Este é, sen dúbida o obxectivo principal da nosa profesión.