Ourense cen anos despois

Xosé M. Pacho DENDE A FIN DO MUNDO

OURENSE CIUDAD

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

P

ara saber da saúde dunha sociedade, só hai que ler o xornal. Pasar tranquilamente as follas e observar cunha certa dose de escepticismo e un punto de sentido crítico as cousas que nos pasan ou non nos pasan. As noticias ou as non-noticias.

Claro que xa non estamos no século XIX, e non atoparemos titulares como aquel que se gastou Émile Zola, «J?accuse», eu acuso, en 1898 no xornal L?Aurore, para denunciar a corrupción política dun goberno e dun país, e que desembocou na Terceira República francesa.

Nós non precisamos tanto. Só prestar atención ás cativas historias que se cruzan con entrevistas reveladoras e con sucesos que van describindo o que Ourense é. Para saber de nós, abonda con isto.

Coma se fose unha película, comprobamos como menten uns, como outros disimulan, como algúns descarnadamente sofren e outros, tamén descarnadamente, manipulan. Así, vemos como se repiten os mesmos debates, pasan as mesmas cousas e vístense de intereses de país, de sociedade, de partidos formas de actuar ou de pensar que non son máis que intereses persoais? Novos candidatos a alcalde, novas axudas a concellos amigos, novas queixas sobre As Burgas ou sobre a rúa Concello, novos delitos, novas figuras públicas? Curiosamente, todo cheira a vello. E o xornalismo, o vello xornalismo tan gastado funciona coma un espello que nos amosa as nosas grandezas e as nosas miserias.

Pero cada un de nós ten dentro un cativo como aquel que no conto de Andersen, O traxe novo do emperador, lle dixo na metade da rúa que ía espido. As redes sociais non nos serven para isto. Ou se cadra precisan máis escepticismo e máis sentido crítico aínda que o xornalismo. Para mostra, só temos que ver esa infeliz ignorante presumindo da visita de Alejandro Sanz a Ourense. O problema é que caeremos na conta cen anos despois.