«Nesta exposición hai unha simbiose entre a plástica e a narrativa»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Ábrese a mostra «Atmosferas», con textos seus insertos en obras de Xosé Luís Otero

23 ene 2015 . Actualizado a las 04:50 h.

As artes plástica e literaria están insertas na exposición «Atmosferas», que esta tarde (20.30 horas) se abre na Fundación Vicente Risco de Allariz. A colaboración e amizade entre o pintor Xosé Luís Otero e o escritor Rubén Martínez Alonso deu como froito unha mostra na que os textos forman parte da propia obra plástica, axudando a reflexionar sobre o que amosan as súas abstraccións plásticas. Escritor de narrativa e investigador, Rubén Martínez (Vigo, 1980) é o autor das pezas literarias que acompañan e compoñen esta exposición. Na mostrta hai unha vídeo creación de Toni Bascoy e Under Varela que se amosará hoxe na inauguración, na que Rubén Riós será o presentador e cantará María do Ceo.

-¿Como xurdiu esta colaboración entre pintor e escritor?

-Con Xosé Luís xa colaborei. Somos amigos e fixen críticas e textos para catálogos seus. El propúxome facer textos para introducir na obra. Son obras abstractas nas que xoga con materiais como cartóns ou cartolinas, papeis antigos e reciclados. El goza recuperando e xogando cos volumes e texturas dos materiais. Encargouse de facer unhas grafías nas que reproduce os textos meus. Hai unha simbiose entre a plástica e a narrativa. O texto convida á reflexión. Moitas veces a xente péchase ante a abstracción porque non ve formas recoñecibles. Son textos que falan sobre a vida, a morte, as paixóns. O espectador pode buscar na representación plástica o que suxire o texto.

-¿Son textos inspirados na obra ou houbo un diálogo previo co pintor?

-Coñezo ben a obra de Xosé Luís Otero. Temos moitas coincidencias na forma de ver e pensar. Na súa exposición no edificio AXA de Porto pediume se podía seleccionar textos da miña primeira novela, 1980 (ano cero), unha ficción psicolóxica cun monólogo do protagonista no que toca os temas básicos do ser humano, o amor-odio, o cuestionamento das relacións sociais. Pola contra, estes textos están feito a propósito. En lugar de ter unha cartela, que tamén a teñen, están introducidos na obra.

-¿Que lle parece o resultado da mestura?

-Nós consideramos que ben, agora a ver que resposta ten no público e se aprecia esa conxunción de ambos traballos. É unha proposta distinta. Os dous nomes van xuntos, e o meu texto estaría ao meu nivel na súa obra. El di que se comen a obra. Eu creo que se apoian a un cincuenta por cento. Na plástica xa existía o collage, como textos que incluía o propio artista. Non é moi frecuente que un escritor apareza cos seus textos dentro da obra. Chegamos á conclusión de que a mellor forma de integralos era coa grafía de Otero para harmonizar o trazo da escrita co da pintura.

-¿Que o texto apareza así é unha atadura como escritor ou unha nova canle de expresión?

-Non é unha atadura, precisamente a causa da abstracción. Xosé Luis Otero é un pintor moi xestual, vehemente, é pura forza. Esa maneira de traballar encaixa perfectamente cos sentimentos que eu procuro transmitir ou nos que me centro á hora de escribir. A abstracción axuda a que as dúas obras, plástica e literaria, encaixen.

-Os temas destas pezas ¿son os habituais na súa narrativa?

-Nesta obra con Otero, retomo un pouco os temas da miña primeira novela. A última, As escaleiras do gran hotel (premio Vicente Risco no 2013), recrea o ambiente de Mondariz nos anos vinte. As tres novelas que teño son distintas entre elas.