«'Feito en Ourense' fainos ver o que hai detrás dunha serie»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alumnos da Farixa organizan as segundas xornadas de Cultura en Produción

03 dic 2014 . Actualizado a las 20:45 h.

Fabián Gómez (Rianxo, 1995) é alumno do segundo curso do ciclo de Produción de audiovisuais e espectáculos do instituto ourensán de A Farixa, que ata o día 12 ten en marcha o proxecto «Feito en Ourense».

-¿En que consiste?

-Feito en Ourense é o título que lle puxemos á segunda edición dunhas xornadas, Cultura en Produción, nas que traemos ao centro a produtores novos, xente que é un pouco coñecida no mundo audiovisual e que poden servirnos para aprender nós, que somos xente que estamos empezando. Hai xente que empezou con poucos recursos e que poden ser un exemplo para nós.

-¿Como os vosos convidados?

-Si. Bruno Nieto, por exemplo, estivo a semana pasada falándonos dos dous proxectos seus con máis éxito, a webserie «El Quid» e o documental «Mil sorrisos e un perdón». Foi interesante porque nos amosou como unha webserie, que é algo que a priori non se fai para gañar cartos senón para aprender, puido chegar a trunfar, traballando cun equipo de 50 persoas e conseguindo atraer a unha empresa como Antena 3, que a tivo nunha sección da súa páxina.

-¿Con quen se completa a programación?

-Este venres acolleremos a Héctor Casas e Alfonso Míguez, da webserie PIB, e o día 12 teremos no instituto a Simón Vázquez, que falará sobre a súa longametraxe «Las brujas de E?Lente».

-Son actividades abertas ao público, ¿que lle van aportar a calquera ourensán?

-Feito en Ourense fainos ver o que hai detrás dunha serie ou dunha webserie, como se leva a cabo e iso sempre é interesante.

-E aos alumnos, ¿ábrenlles camiños estas actividades?

-Hoxe está todo complicado porque os traballos son esporádicos; o mellor xeito é facer os teus propios proxectos, como as persoas que traemos ás charlas, que sairon adiante facendo isto. Bruno estudou o mesmo ciclo que estudamos nós, pero na Coruña. Os outros teñen outra formación pero hai moita xente que traballa con eles nos seus proxectos que foron estudantes mesmo aquí na Farixa.

-¿Satisfeitos coa formación?

-Por un lado, bótase en falta que haxa máis ciclos da nosa familia, porque hai só produción e podería haber, por exemplo, realización, iluminación, son ou animación 3D. Iso completaría a formación pero, por outro lado, se hai só produción, aprendemos moito máis porque, se facemos un proxecto, facemos produción e tamén aprendemos algo de todo o demais; en realidade, esas carencias teñen un aspecto positivo.

-¿Estas xornadas son algo máis ca un exercicio de clase?

-Organizar estas xornadas é tamén unha práctica profesional. Decidimos facer este tipo de evento dentro do que tiñamos que facer no curso porque está relacionado con noso entorno profesional. O meu grupo decidimos coller isto porque xa había unha edición o ano pasado e era un referente, pero outro grupo fixo o dos cantos de taberna e outros están preparando unha festa con mistura de moitas músicas.