Cartografar a nosa identidade

Martiño Vázquez

OURENSE CIUDAD

28 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Que pode haber no meu barrio para que arqueólogos, filólogos e ata cineastas estean estes días facendo preguntas? Esta debeu de ser a reflexión da maioría dos veciños de O Peliquín o ano pasado cando profesionais da cooperativa Xeitura, e un gran número de activistas culturais da cidade, paseaban as súas rúas armados con planos, fotografías e cámaras de vídeo.

Todos, cada un de nós, cada familia de cada barrio coñece lendas, historias e microhistorias que non se contan porque pensamos que non teñen valor. Porque pensamos que a verdadeira historia, a historia con maiúsculas, a escribe só xente importante sobre cousas importantes. Pero no que non reparamos é que en verdade a historia de Ourense é a historia dos seus barrios e das súas xentes. Para investigala, conservala e dala a coñecer xurde o proxecto Ourensegrafías. Un proxecto que conta co respaldo da Concellería de Cultura e que afondará este sábado nos segredos do barrio de O Polvorín. O obxectivo será reflexionar sobre os seus valores, lendas e tradicións. O método para facelo será un magosto coa veciñanza que rematará cun pequeno concerto do grupo Comando Foucellas. Un verdadeiro fiadeiro.

Toda a información está accesible vía web (ourensegrafias.net). Ademais a documentación gráfica e de audio recuperada en cada barrio tomará forma final nunha pequena curtametraxe que no futuro pretende converterse nun documental sobre a propia cidade.