«Non paga a pena vivir con rencor»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O protagonista de «Mil sorrisos & un perdón» achegou ós universitarios os riscos do alcohol

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:20 h.

Comba López Sánchez e Alba María Ojea Cid, alumnas de último curso de Educación Social no campus de Ourense, organizaron unha actividade de prevención do consumo de alcohol ó volante. Pensaron que a mellor forma de pór cara as consecuencias de conducir baixo os seus efectos era convidar a Daniel Fernández Carril. Este mozo celanovés, protagonista do documental Mil sorrisos & un perdón perdeu unha perna nun accidente no que un condutor bébedo empotrouse contra el, que ía en sentido contrario en moto. Titularon a charla «¿Perdoarías á persoa que che cambiou a vida?» para facer reflexionar aos que acudiron á cita sobre unha realidade na que poden ser vítimas e tamén verdugos.

Daniel di que el perdoou, pero recoñece que lle custou tempo. «Ao principio pensei que se me rematara a vida, porque aparte da perna, rompín a cadeira e o sacro e quedei sen sensibilidade nas pernas; víame nunha cadeira de rodas. Iso ós dezaoito anos, sen ter estado antes nunca enfermo de nada, é moi duro. Os baixóns de moral eran frecuentes. Cos anos tentei de sobrepoñerme, vai cambiando a mentalidade e pensas que podía ser moito peor, incluso non estar aquí; así que acabas perdoando. Penso que o perdón é importante, porque non paga a pena vivir con rencor; iso é un peso que sempre levas enriba e non te deixa avanzar», opina.

Esa visión positiva levouno tamén a loitar polo seu futuro. Hoxe, dez anos despois daquel accidente, traballa nunha empresa dentro da súa profesión -é Técnico superior de Edificación e Obra Civil- pero tamén pasou por outras ocupacións e incluso pola experiencia do paro.

As charlas son un compromiso persoal de Daniel. Ten dado moitas nos últimos dous anos como colaborador da confederación de discapacitados Cogami, e de PAT (a Asociación para a Prevención de Accidentes de Tráfico); e asegura que está encantado de facelo. Normalmente o seu auditorio son alumnos de ESO. Os de onte eran universitarios «pero ten o aliciente de que tamén lles toca máis preto porque poden ser suxeitos activos nese tipo de situacións e están nunha idade complicada», sinalaba antes de iniciar a actividade. Daniel asegura que o seu obxectivo é «solo que lle acorde o meu caso unha noite a unha persoa; se é así xa me dou por satisfeito». Pensa que aínda queda moito por facer na concienciación dos mozos. «Téñome atopado rapaces que chegan a dicirche que sen alcohol non hai festa, por iso quero que vexan en min o dano que se pode facer».