«Aquí cambiouse o concepto do galeguismo coa Xeración Nós»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Director xubilado, Fernández aplaude o alto nivel formativo do centro

23 nov 2014 . Actualizado a las 11:00 h.

Durante dez anos Luis Fernández (Castrelo de Miño, 1953) dirixiu o instituto Otero Pedrayo, un centro cunha actividade que para si quixeran moitas empresas: 70 profesores, catorce traballadores non docentes e 850 alumnos. Todo iso nun edificio datado en 1896 que no seu valor histórico leva tamén a carga dun mantemento delicado e custoso.

Luis chegou como profesor de galego ao Otero sendo director o mítico Ogando. Era o ano 1983; no 84 aprobou a oposición e, ante a perspectiva de traballar naquel espazo durante décadas, preferiu un paréntese de 16 anos noutro centro, o Ingabad, onde formou a persoas que cursaban o bacharelato a distancia.

A súa praza, porén, estivo sempre no Posío. Cando desembarcou, despois dunha experiencia docente en centros privados de Ribeira e Ourense, atopouse cunha realidade suxestiva: «Vías o ceo co nivel que había naqueles claustros. Estaban Suárez Canal, Quintela, de Filosofía, e un feixe de xente... discutindo con Ogando. Había líderes natos. Eu viña da privada e impresionoume o nivelón dos claustros».

Cando asumiu a dirección, décadas despois, procurou aplicar a táctica da diplomacia: «Os aspectos económicos, os disciplinarios... hoxe todo está regulamentado nos centros educativos así que hai que ir aplicando as normas e ter bastante man esquerda para buscar o positivo de cada quen e non ferir sensibilidades. Eu, dende logo, son de negociar sempre, de ter sempre en conta o claustro e a opinión de todo o mundo».

No balance, tras apenas tres meses de xubilación anticipada, Luis quédase con nivel académico conseguido nos últimos dous anos e a reforma estrutural do inmoble durante a súa década como director: «Renovouse todo, co paraninfo como símbolo, e, no ámbito académico, teño a satisfacción de que conseguimos estar por encima da media que nos correspondería na avaliación de diagnóstico da Xunta. Na mesma liña está o alto nivel que conseguen os nos alumnos en Selectividade; somos o centro que máis alumnos manda a Selectivo e sempre estamos por riba da media. E, a maiores, temos unha demanda altísima, o instituto hoxe está a tope, estamos captando moito alumnado que ía á privada, e xa dende antes da crise económica».

Co emblemático edificio do Posío ás súas costas, Luis refire o seu perfil histórico: «O instituto é o berce do galeguismo actual, aquí é onde se cambiou o concepto de galeguismo, coa Xeración Nós. É un instituto histórico cunha calidade humana e profesional tan grande que un sempre pensa que non está á altura e cando me tocaba falar en público, por exemplo, sabía que calquera anterior a min o tería feito mellor».

Dende esa prudencia, o ex director lembra o peso do Seminario na súa propia formación «porque nos 60 era a única oportunidade de formación para a xente da aldea». Sábeo ben el, que puido estudar grazas á loita veciñal contra Fenosa que conseguiu un prezo máis xusto para as terras expropiadas para o encoro. Pero esa é outra historia.

luis fernández rodríguez