Allariz, principio e fin

luis martínez-risco OURENSE

OURENSE CIUDAD

La Voz de Galicia achega mañá aos seus lectores unha lámina da vila

19 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Principio e fin, alfa e omega, así soen ser todas as prazas maiores; e a de Allariz non vai ser menos. E non só polo feito de que vostede pode visualizar en diferentes edificios os símbolos que representan o primeiro e o derradeiro símbolo gráfico do alfabeto, senón que tamén, no día e a día, a Praza Maior alaricana, para os propios da Ziralla, é o principio e o fin da xeografía urbana. E semella un sen sentido pois a súa centralidade é incuestionábel, mais dende esa centralidade á que todos chegan e da que todos parten, -principio e fin -, pois nela nacen e morren simultaneamente as vías que nos conducen a calquera parte da vila.

Praza viva e centro político no que se toman as decisións que deseñaron e deseñan o futuro duns cidadás orgullosos da relevancia internacional acadada pola conservación e dinamización da súa vila. Recoñecemento que fai que alaricanos e achegados, -no meu caso-, estean, -e esteamos-, orgullosos de contribuír a que Allariz continúe a ser berce de cultura.

Praza viva á que se achegan os veciños para, neste marabilloso espazo público, falar do divino e do humano mentres as crianzas xogan en liberdade como, con certeza, fixeran anos atrás os que agora partillan saboreando un vaso de viño. O das crianzas xogando non é cousa a non considerar. Son o futuro dunha vila que ten unha aposta co futuro.

Un futuro que non renega dun pasado vinculado a reis como Afonso X e a súa señora, dona Violante, de quen a tradición di que está enterrada no alaricano convento de Santa Clara que ela propia mandou construír. Pasado de heroes populares como Xan de Arzúa, quen nesta praza recibe, ano tras ano, o recoñecemento dos seus veciños durante a festa do boi. E xente ruín, que tamén hai, como o Romasanta quen foi xulgado en primeira instancia ben perto desta praza. E deste pasado grandioso é bo exemplo a fermosa Igrexa de Santiago, marabilloso exemplo do románico, nunha vila con tanta igrexa que o escritor Marcial Suárez dicía a modo de brincadeira que «Allariz é lugar do mundo con máis igrexa por católico cadrado», e con certeza que o Marcial sabía como facer esas medicións.

Don Vicente

E moi pertiño, baixando pola rúa San Lorenzo, casou o Vicente Risco e alí lle naceron as fillas e o fillo. Don Vicente era un namorado do Arnoia e falaba do amor das xentes de Allariz para co seu río, que a el lle lembraba unha paisaxe do Xapón. Como tamén admiraba o Penamá, que pecha a praza en dirección oposta ao castelo. Din que un non é de Allariz senón ve o castelo, e debe ser certo. Mais aínda que vostede non sexa de Allariz, comece ollando para as pedras do chan e pasado un tempo pregunte a calquera veciño onde está o castelo, cun pouco de esforzo o atopará. Entón xa poderá, coma eles, dicir que é de Allariz.

ourense feito arte

Luís Martínez-Risco Daviña é profesor de Historia e vicepresidente da Fundación Risco