Verín acollerá unha xornada sobre «Boas prácticas no márketing do viño»

OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A iniciativa está organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

09 nov 2014 . Actualizado a las 19:00 h.

A Casa da Cultura de Verín acollerá o vindeiro xoves, día 13, unha xornada da EVEGA (a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) centrada nas «Boas prácticas no márketing do viño». A iniciativa está dirixida, de forma preferente, a «viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes». O obxectivo prioritario da iniciativa desta xornada é o de salientar a importancia do marketing nos mercados do viño. Tamén persegue coñecer polo miúdo o mercado do viño e as características dos consumidores e dar a coñecer as estratexias de venda, especialmente a través de internet. Así mesmo, quere incidir na importancia do coñecemento das zonas de produción de viño e a súa cultura como estratexia de venda e avaliar a importancia do marketing na exportación a través das experiencias de adegas galegas. O profesor do Campus de Ourense José Antonio Fraiz abrirá a xornada coa ponencia «Comprensión do mercado do viño e consumidores, como construír a reputación dunha marca». Tamén participarán como ponentes Juan Antonio Vázquez Gancedo, director xeral da adega Martín Codax, Dionisio Oseira (La Maleta Hand Wines), María del Carmen Pita (directora de Promoción e Turismo da Xunta), Marta Lojo (directora de Wine Desing Studio) e Manuel Leza, do departamento de deseño da empresa Coreti.