Ourense lembra hoxe ós mestres da Xeración Nós

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Unha ofrenda e roteiro polo cemiterio de San Francisco, unha lectura pública e unha revisión dos textos conforman os actos

30 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A capital convértese hoxe nun escenario para a lembranza dos mestres da Xeración Nós. Unha cita, organizada pola asociación cultural ProNós2020, que serve de camiño de cara á celebración do centenario. As actividades iniciáronse onte coa apertura das casas de Vicente Risco e Otero Pedrayo, que continuará ata mañá en horario de tarde. Hoxe haberá publicacións das institucións -Concello, Deputación e Universidade- sumándose á homenaxe, pero os actos centrais concentraranse no serán.

Entre las 17.30 e ás 18.30 horas no cemiterio de San Francisco da capital celebrarase unha ofrenda cívica e un memorial literario evocando breves textos das obras dos autores. A actividade desprázase ás 20.00 horas á praza do Ferro onde terá lugar unha lectura pública de escollas de textos da Revista Nós publicados entre 1924 e 1934 e de Sempre en Galiza de Castelao. É un acto aberto e para participar hai que apuntarse unha hora antes de que comece a lectura. Pechará a actividade o himno galego. Finalmente, ás 22.00 horas no café cultural El Pueblo (en Samuel Eiján), haberá unha revisión contemporánea da época Nós (1920-1936).