«Por suposto, se algún dos meus fillos decidise que quere ser alcalde eu apoiaríao»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

María Miguélez

«Quero ter a liberdade de ser dono do meu tempo», di o rexedor de Castro Caldelas, que deixará o cargo nuns días

25 oct 2014 . Actualizado a las 05:15 h.

Nos próximos días Eladio Osorio Castro dirá adeus á cadeira de alcalde, a mesma que leva ocupando ininterrompidamente desde 1987 salvo por un paréntese de 1996 a 1999 por una moción de censura. Foi un «mal trago», di o aínda rexedor de Castro Caldelas, que prefire quedarse cos bos momentos, especialmente co apoio popular que recibiu en forma de sete mandatos con maioría absoluta. Sobre as razóns da súa marcha, alude ao clásico de «motivos persoais» e fala da súa idade e da necesidade de pechar esta etapa de vida activa na política. Parco en palabras sobre a súa sucesora -a tenente de alcalde, Sara Inés Vega- di que esa foi a decisión do partido. Afirma, tamén, que está contento de que os seus fillos Eladio e Juan Luis, ambos con cargos no PSOE, non quixeran tomarlle o relevo. Non quere, di, crear unha «dinastía» e que o comparen con Baltar.

-¿Por que decide retirarse da política agora?

-Porque levo sete lexislaturas gañando con maioría absoluta e quero irme co respaldo do pobo. Teño setenta anos e quero ter a liberdade de ser o dono do meu tempo. Non podo estar esperando a que os veciños me acaben relevando e quero disfrutar da miña familia.

-¿Vaise satisfeito do traballo realizado?

-Voume cun recordo inesquecible. Cando estas nisto por vontade propia e o pobo te apoia é porque ve que estás traballando polo ben dos cidadáns.

-A súa lonxevidade no cargo ten moitas analoxías no PP, pero poucas no PSOE. ¿Como leva esa «soidade»?

-Ademais Castro Caldelas foi unha illa durante moitos anos na comarca. Eu andaba sempre metido entre os alcaldes do PP. [Ri] E teño que dicir que me teñen tratado sempre moi ben.

-Di que gardará un recordo inesquecible da súa actividade como alcalde, pero tamén habería malos momentos. ¿Foi a moción de censura o peor?

-Recórdoo como algo pasaxeiro porque cando acabou a lexislatura, nas eleccións o pobo volveu deixar as cousas no seu sitio. Foi un mal trago esa moción perversa pero compénsase de sobra co apoio popular que recibín.

-¿Por qué é Sara Inés Vega a máis idónea para substituílo ao fronte o Concello?

-Perténcelle a ela, que é a tenente de alcalde, aínda que ten que ser o pleno quen a elixa. No momento en que eu presente a renuncia hai dez días para celebrar o pleno extraordinario para elixir ao novo alcalde. Houbo unha reunión do partido en Castro Caldelas e, segundo a vontade da agrupación local, ela será a alcaldesa ata as eleccións e despois será a candidata.

-¿E non preferiría que o seu sucesor fose algún dos seus dous fillos (un é concelleiro do seu goberno municipal en Castro Caldelas e o outro é membro da executiva provincial o PSOE e asesor do grupo socialista na Deputación)?

-Non quixeron ningún deles e alégrome moito de que o fixeran así para que non haxa malas interpretacións como coas dinastías nas que os alcaldes lle deixan os cargos aos fillos. Non é o caso, pero por suposto, se algún decidise que quere ser alcalde eu apoiaríao, pero non quixeron nin eles nin ningún outro. Non houbo nada máis que unha opción, a de tenente de alcalde, e esa é a que vai a ser a alcaldesa e a candidata no 2015.

-De todos os xeitos, para atacalo, os seus rivais moitas veces compararon á súa familia coa de José Luis Baltar e con outras do PP para xustificar que o seus fillos se dediquen a política.

-Si, pero non ten nada que ver. É moi diferente ser alcalde que presidente da Deputación. Un alcalde ten que pasar polas eleccións e ten que ser elixido polos veciños. En todo caso, se un fillo dun alcalde queda de alcalde, a imaxe que se da non é boa e interprétase que é o pai quen lle deixa o posto en herdanza ao fillo. Por iso alégrome de que ningún dos meus fillos quixera quedar de alcalde.