Fórmula para perpetuar a memoria

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Alcaldes ourensáns súmanse á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para defender o uso do galego nos cemiterios

24 oct 2014 . Actualizado a las 05:05 h.

Non é habitual conseguir unha foto de familia na que estean representados case todos os grupos políticos que gobernan na provincia. E menos que coincidan en iniciativas e apoios concretos. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística foi quen de xuntar posturas co idioma de por medio. Máis dunha trintena de alcaldes firmaron onte na capital un manifesto polo cal comprométense a perpetuar a memoria dos seus veciños. E facelo reivindicando o idioma de cada quen no lugar onde permanecerán para sempre unha vez falecidos. A iniciativa, que é mais extensa, pasa por reivindicar o uso do galego naquelas lápidas de persoeiros ou veciños anónimos que durante a súa vida usaron o galego como o seu idioma. O presidente da asociación, Xaquín Monteagudo, foi claro: «A idea é facer do uso do galego algo natural. Parece lóxico». Monteagudo explicou aos presentes que o galego é o símbolo da nosa historia. Falou da responsabilidade de deixar ás seguintes xeracións a bagaxe cultural, ó igual que se fala de coidar a natureza ou calquera tipo de manifestación. Neste aspecto destacou o papel fundamental dos rexedores.

Ao acto acudiu o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, que destacou que poucas testemuñas do amor á lingua se poden dar como o seu legado. O acto finalizou coa firma dos alcaldes e representantes dos concellos, nun manifesto que os obriga a velar a partir de agora pola memoria do galego.