«No 2015 amosarei o traballo de anos sobre a Festa do Orgullo Gai»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

O fotógrafo Plácido L. Rodríguez
O fotógrafo Plácido L. Rodríguez MIGUEL VILLAR

Plácido L. Rodríguez voltou á cidade na que viviu de mozo e prepara novos proxectos

16 sep 2014 . Actualizado a las 15:58 h.

Esculca todos os recunchos da fachada da Casa da Xuventude de Ourense e o vestíbulo. E amósase perplexo. Pregunta onte está a placa co nome de Benito Losada e non acredita cando se lle di que non existe tal. «Pero non quedaron en que lle ían dar o nome de Benito Losada á Casa da Xuventude? Iso é o que escoitara cando morrera». Plácido L. Rodríguez (Gomesende, 1954) está de volta na cidade que o acolleu de mozo, logo dunha infancia en Verín -a familia trasladouse alí cando contaba con dous anos de idade-, e na que cursou estudos no Seminario e no colexio Calvo Sotelo.

Logo de toda una vida en Madrid, onde desenvolveu a súa carreira profesional como fotógrafo e galerista, decidiu voltar a Ourense. Confesa que «era algo que sempre desexei, aínda que cando tes moitos compromisos profesionais, proxectos, responsabilidades familiares e demais vas aprazando as decisións e o tempo pasa». Instalado e ilusionado co novo proxecto que está a desenvolver coa súa compañeira, un restaurante vexetariano que dende hai uns meses funciona na rúa Reza, Plácido L. Rodríguez cavila nos traballos que lle gustaría acometer no futuro e ten xa algunha exposición en carteira.

No Simeón amosou este verán Arquitecturas da alma, unha selección de imaxes realizadas nas súas viaxes á India e Nepal. Aínda que como artista ten traballado en case todos os xéneros, o retrato e a fotografía de viaxe é onde se ten distinguido de xeito especial. Nos seus anos de mozo en Verín descubriu a escritura coa luz: «Primeiro era coma xoguete, e logo xa foi crecendo o meu interese pola fotografía, pola maxia que tiña e por ver que saía da cámara». Con 18 anos vaise a Madrid e atópase cunha cidade que vive os últimos anos de Franco e «un movemento reivindicativo impresionante, máis no noso caso que viviamos case ao lado de Moncloa, porque era a zona que nos quedaba máis preto das facultades». A súa primeira cámara mercouna a medias con seu irmán -o xornalista e escritor Paco López Barxas- e inicouse de forma autodidacta, eran os tempos míticos da revista Arte Fotográfico, e logo xa de forma académica -«xa cando quería traballar en cor e controlar mellor a técnica»-. Entre outros proxecto amosou o seu traballo en Foco 85, o xerme da actual Photo España, e en 1992 abriu a súa tenda de fotografía, apostando máis adiante polo formato de tenda e galería. Recoñecido pola súa serie de retratos -de Cela a Alaska- confesa que é onde se sinte máis cómodo: «Detrás da cámara teño máis seguridade e exprésome mellor, diante dela pasoo mal. E o retrato é un xeito especial de mirar doutra maneira».