Unha encrucillada de afáns, ilusións e proxectos

Leonardo Lemos Montanet / obispo de Ourense< / span>

FIRMAS

30 ago 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando hai case cincocentos anos don Francisco Méndez Montoto fundaba este santuario no Campo da Verdade, máis tarde do Desafío, tamén chamado Campo da Feira e, agora, dende hai moitos anos, Campo dos Remedios, o que pretendía aquel cabaleiro cristián, rexidor e xuíz ordinario da cidade de Ourense, era construír un lugar de culto á Nai de Deus en cumprimento dun voto, empregando parte do seu capital e unha forte cantidade dos diñeiros deixados por un axustizado.

Dende aquela, esta capela dos Remedios experimentou moitas vicisitudes, pero ningunha tan grave coma o incendio do ano 2010. Dende que iniciei o meu ministerio episcopal ó servizo do pobo de Deus na Diocese de Ourense, hai agora dous anos e seis meses, propúxenme facer o imposible para restablecer o culto nesta capela-ermida que, a partir de agora, tendo en conta a su capacidade e antigüidade, coa autoridade que me foi concedida, queda constituída en Santuario da Nosa Señora dos Remedios de Ourense.

Aqueles desexos dos primeiros meses hoxe son unha fermosa realidade, obra de todos. Grazas á xenerosidade dos herdeiros do señor Méndez Montoto, á colaboración da Consellería de Cultura, o Concello e a Deputación de Ourense, e á dos devotos dos Remedios, faise posible recomezar hoxe o culto á Nosa Señora.

Este santuario é, e quere ser, de tódolos ourensáns. Se, antigamente, aquí se dirimían violentamente os preitos entre os homes desta nobre e xenerosa cidade das Burgas, hoxe quérese converter nun lugar de convivencia pacífica, de fraternidade, de amizade e debe ser, sobre todo, un lugar de paz querido, respectado e coidado por todos.

O papa Francisco, na súa primeira exhortación EvangeliiGaudium afirma que «precisamos crear espazos motivadores e sanadores (...) lugares onde rexenerar a propia fe en Xesús crucificado e resucitado, onde compartir as propias preguntas máis profundas e as preocupacións cotiás, onde discernir en profundidade, con criterios evanxélicos, sobre a propia existencia e experiencia, coa finalidade de orientar ó ben e á beleza as propias eleccións individuais e sociais».

Iso desexa a Igrexa, que o santuario dos Remedios sexa un de eses espazos motivadores e sanadores. Iso é o que pido como bispo, para tódolos ourensáns, á Nosa Señora dos Remedios: paz e convivencia respectuosa, para que todos xuntos, malia os nosos diferentes criterios e opinións, loitemos por buscar aquilo que nos une para conseguir o ben de todos. O santuario dos Remedios, situado ao carón da famosa Ponte de Ourense, nunha das máis importantes entradas á nosa cidade, é un lugar que está habitualmente cheo de vida, ¡e de vida moza!, pola proximidade das instalacións deportivas que levan, acertadamente, o seu mesmo nome, e polo veciño colexio e parroquia de María Auxiliadora dos pais Salesianos. A partir de agora, coa súa restauración, debe ser un lugar de encontro e unha encrucillada na que os afáns, ilusións, proxectos e necesidades de todos sexan acollidas.

Por pura providencia ábrese de novo ó culto este santuario ó comezo dun Ano Mariano dentro do proxecto pastoral Ourense en Misión con María. Durante o tempo que vai do 8 de setembro de 2014 á mesma data do 2015, días que marcan a apertura e a clausura deste ano, poderase gañar, cada día, unha indulxencia plenaria, que pode ser aplicada ben por nós, ou polos nosos defuntos, sempre que visitemos este lugar santo.

Que este santuario, que quere ser de tódolos ourensáns, se converta nese referente de convivencia e de paz, necesarias para todo auténtico progreso do home e da cidade, e que, conxugando o culto a Deus e as expresións culturais, sexa un ámbito de humanización que, sen dúbida, é o paso previo a todo proceso autenticamente evanxelizador.

tribuna aberta