As Xociviga homenaxearán ó Cine Club Carballiño

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

As xornadas, que cumpren trinta anos, achegan de novo o cine ata a praza de A Veracruz con dúas proxeccións

07 ago 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

As xornadas de cine e vídeo de Galicia (Xociviga) chegan este ano a súa trinta edición. Tres décadas que veñen a facer realidade, segundo comentou o director das xornadas, Anxo Santomil, o soño de Chano Piñeiro de facer cine en Galicia e en galego. Un dos piares da iniciativa que axudou a manter vivo o proxecto foi o Cine Club Carballiño a quen este ano as Xociviga réndelles unha homenaxe. «Foi o fundador e responsable da organización das xornadas na maior parte das 30 edicións celebradas», explicou e destacou o obrigado recoñecemento a súa labor como entidade e ás persoas que ao logo da súa historia estiveron presentes nalgunha das edicións.

Ao marxe das actividades paralelas, as Xociviga son cine. Por iso dende o 11 ata o 17 de agosto os veciños e visitantes a O Carballiño teñen unha cita vespertina co sétimo arte. Polo auditorio da vila pasarán películas como 12 anos de escravitude, Hobitt, a desolación de Smaug, Brave, Urxa, A casa da luz, Casita da Morte, Continental, O gran hotel Budapest ou Os fenómenos. Títulos para nenos (con proxeccións ás doce da mañá e ás cinco da tarde) e para adultos. Os horarios pódense consultar na web carballiño.org/xociviga. A Casa da Cultura e o entorno de A Veracruz únense aos espazos onde poder ver cine. Na programación hai un apartado para a música. As Xociviga arrancarán o luns cun concerto de piano de Severiano Casalderrey con temas de cine, acompañado dunha proxección audiovisual. O prezo por película é de 2 euros, pero pódese mercar un bono de 3 euros para dúas películas ou persoas.

Encontro sectorial

Algunhas das actividades serán gratuítas, entre elas as que teñen como escenario o entorno de A Veracruz ou as paralelas como son o visionado dun tráiler fotográfico sobre a historia das xornadas de cine, a presentación do proxecto Foto falada, fálame san Sadurniño, de Carme Suárez ou as proxeccións de filmes como Sempre Xonxa ou Continental. Ademais, no marco da Xociviga terá lugar un encontro do sector audiovisual de Galicia e Portugal que se desenrolará no hotel Arenteiro da vila, no que debatirán sobre a situación actual e o futuro do cine en galego e portugués.