«Os postos asignáronse en función do concelleiro. Facíase a dedo»

La Voz

FIRMAS

24 jul 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha denuncia do sindicato CSI-F dinamitaba fai hoxe unha semana a política de persoal do Concello. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dáballes, parcialmente á razón, e anulaba 41 postos de traballos. Entre os afectados estaba o persoal eventual dos grupos políticos -incluída a filla do alcalde- e 17 xefes de servizo. Di que o fallo demostra que funcionou en demasía a dedocracia, pero quere enviar unha mensaxe de tranquilidade aos afectados: «Ninguén vai perder o seu posto».

-¿Que obxectivo perseguían con esa demanda contra a Relación de Postos de Traballo de 2012?

-Nós nunca fomos contra os traballadores. Estábamos en contra de prácticas como que as xefaturas de servizo estean bailando e o que manda sexa o político. O que queremos é que todo quede reflectido como marca a lei e que os traballadores do Concello de Ourense poidan estar seguros.

-E no caso do persoal eventual vinculado aos grupos políticos, ¿fan algunha diferenciación?

-Son postos que sempre houbo e cremos que hai que definir as súas funcións. Non podemos permitir que os políticos fagan o que eles queiran e como queiran. Entendemos que hai casos de persoal de excesiva confianza, pero os que ocupan traballos mecánicos terán que xustificalos.

-Entre eses postos está o da filla do alcalde, ¿que opinión teñen ao respecto?

-Nós falamos dun todo, sen nomes concretos. Estamos negociando os 41 postos. Non imos a diferenciar á filla do alcalde. Outra cousa e si eticamente se pode considerar que non é correcto, pero nós non imos a dicir a corenta que si e a un que non. Ese é un problema do alcalde que xa o valoraría no seu momento e da oposición. Nós aí non entramos.

-¿Deixa baixo sospeita a política de persoal do PSOE esta sentenza?

-A política de persoal é un mal que se arrastra desde fai moito tempo no Concello de Ourense, pero é certo que nunca tivéramos unha sentenza tan clara e contundente. Esperemos que este sexa un punto de partida para que as cousas se fagan doutro xeito.

-¿Entendo que non pedirán a execución da sentenza?

-O fallo pon que é subsanable. Tendo en conta que a xente non se vai ir a rúa, so queremos que se adapten os postos ao que di a lei. O persoal ten que quedar ben reflectido e non andar bailando. Tense que acabar que os postos se asignen en función do concelleiro que tocaba. Facíase a dedo.

-¿Houbo moita incerteza entre o persoal?

-Si. Houbo moitos comentarios e incerteza. Non está a cousa para dicir que me quedo sen traballo. A nosa labor desde o primeiro momento foi tratar de tranquilizar os ánimos e explicarlle á xente como se tiña que resolver a situación.