«A imaxe que se está a dar do Concello de Ourense é deplorable»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

MIGUEL VILLAR

Técnico de Medio Rural, cre necesario apoio para dinamizar a provincia

17 jul 2014 . Actualizado a las 14:41 h.

Xosé Carballido Presas leva toda a súa vida apostando polo medio rural e no seu optimismo innato non hai espazo para o catastrofismo. Comezou a súa carreira na Escola de Capacitación Agraria da Deputación de Ourense e en 1989 ingresaba no corpo facultativo de Enxeñeiros da Xunta de Galicia. Botou dez anos como responsable comarcal de Extensión Agraria no Ribeiro e alí naceu o seu compromiso cos viños da denominación de orixe, e cos de toda Galicia. Unha etapa que lle serviu, como el recoñece, para mergullarse nun mundo, o vitivinícola, que xa o apaixoaba con anterioridade: «Na escola de capataces había Enoloxía como asignatura. Aínda que non a impartía, foi aí onde me fun introducindo no mundo do viño porque era un tema que me gustaba».

Durante o goberno de Emilio Pérez Touriño foi responsable de Estruturas Agrarias da Consellería de Medio Rural, que dirixía Alfredo Suárez Canal, e da súa man naceu o Banco de Terras de Galicia (Bantegal), unha ferramenta chamada a dar resposta ás necesidades dos agricultores para poder aumentar o tamaño de explotacións de cara a facelas máis rendíbeis e garantir a súa competitividade e o seu futuro. O relevo político en Galicia afectou de forma directa ao Bantegal, que nos últimos anos non pasa de ter unha actividade testimonial. Xosé Carballido está convencido de que o banco é algo vital para o rural galego e que collerá pulo de novo: «Sei que a Xunta está traballando coa idea de que iso se reactive e creo que é fundamental e interesantísimo para axudar á xente que aposta polo medio rural. Houbo catro ou cinco anos perdidos pero vexo que hoxe se está traballando na boa dirección».

No día a día, como técnico da delegación da Consellería de Medio Rural en Ourense, desenvolve o seu traballo polos concellos de toda a provincia e cre no seu futuro: «O sector primario ten moitas posibilidades, pero fan falta políticas claras e decididas para que isto sexa así. Iso é o que boto de menos, porque non as hai. O medio rural ourensán ten futuro pero hai que cambiar os conceptos e os procesos, porque na actualidade a xente que quere facer algo, ou ten unha idea para desenvolver, atópase con máis atrancos que solucións».

O compromiso político é outra das facetas que leva caracterizando toda a súa vida, dende que en 1974 entrará en ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos). Foi concelleiro en Ourense e márcase como futuro traballar para que a formación na que milita, Compromiso por Galicia, teña representación na vindeira corporación. Mantén que «a imaxe que se está a dar dende o Concello é deplorable, cunha política municipal que é un espectáculo lamentable. Creo que a actual é unha das corporacións máis desastrosas que leva habido, en canto ao ambiente interno e ás descalificacións e falta de respeto. A cidade non se merece isto, nin tampouco estes catro anos perdidos».