Un coro de 400 nenos cantou os poemas de Curros Enríquez en Celanova

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ CELANOVA

OURENSE

Santi M. Amil

O concerto «No bico un cantar» celebrouse hoxe na igrexa

07 jun 2014 . Actualizado a las 00:28 h.

Catro poemas de Manuel Curros Enríquez foron cantados esta tarde por un coro de case 400 nenos pertencentes aos conservatorios profesionais das cidades galegas e a tres corais. Foi a segunda edición do concerto «No bico un cantar», organizado polo Consello da Cultura Galega, que nesta ocasión elexiu a obra do poeta celanovés para ser escoitada con música e cantada por mozos. O concerto celebrouse na igrexa parroquial de Celanova e a el asistiron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez.

O acompañamento musical correu a cargo do quinteto de metais Hércules Brass, hoxe sexteto ao sumar unha tuba, e estivo dirixido por Maximino Zumalave. Juan Durán realizou os arranxos músicais.

O poema que abriu o concerto foi «A Rosalía», con música de Xosé Baldomir, que inclúe o verso «No bico un cantar» que da nome a este programa cultural. As doces voces dos nenos continuaron con «Unha noite na eira do trigo», con música de Xoán Montes; a terceira obra interpretada foi «Os teus ollos», coa música de Chané e o concerto pechouse con «Nouturnio». Para este poema, o compositor Xabier Comesanha foi o encargado de crear a música, que se estreou hoxe.

Comesanha explicaba que a composición foi «laboriosa», aínda que destacou a musicalidade dun texto «longo e triste» ao que tentou poñer música do século XXI e adaptado para ser cantado polos rapaces.

A vindeira edición de «No bico un cantar» estará adicada, segundo anunciou Ramón Villares, ao autor cambadés Ramón Cabanillas.

Antes do concerto, os nenos recorreron a vila e escoitaron un concerto didáctico de órgano na igrexa conventual. O concerto coral íase desenvolver no claustro barroco pero por mor da treboada e a chuvia trasladouse ao interior da igrexa, na que se xuntou unha boa cantidade de público que desfrutou escoitando estes poemas cantados de Curros, cuxas partituras se poden ver na web do Consello da Cultura Galega. Este programa está organizado por esta institución e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Colaboraron o Concello de Celanova e a empresa Vegalsa-Eroski.