Amadeo Varela, referente xurídico

Miguel A. González Trigás OURENSE

OURENSE

Lembranza dun pioneiro na reivindicación do dereito especial de Galicia

18 may 2014 . Actualizado a las 07:15 h.

O avogado ourensán Amadeo Varela Rodríguez naceu na emigración (Guanabacoa-Cuba, 1913) e retornou con seus pais a Galicia no ano 1921. Estudou maxisterio na Escola Normal de Ourense onde recibe clases de Vicente Risco, quen lle serve de ponte para enlazar co nacionalismo incipiente e os círculos intelectuais e progresistas da cidade. Daquel tempo son indicativos do seu fervor nacional redencionista algúns artigos que escribira no galeguista A Nosa Terra, un ano antes de ser liquidada a II República. Militaba nas Mocidades Galeguistas. Amadeo Varela impartiu docencia durante algún tempo no rural ourensán, antes da guerra civil. Rematada a guerra asentouse definitivamente en Ourense, onde axiña casa con Consuelo Carid. Antes, fora incorporado á fronte de Asturias, onde coñeceu a Celso Emilio Ferreiro, con quen trabaría unha fonda amizade. Co tempo, conclúe a carreira de dereito e abre bufete na rúa do Progreso, en 1946. Exerceu a profesión de avogado durante máis de 45 anos. Foi unha referencia polos seus fondos coñecementos xurídicos e erudición.

Quen asina estas liñas xogou de neno na casa de Amadeo Varela. A amizade entre a miña familia e a súa -que prosigue cós seus fillos- tornaría sentimental e pouco obxectiva esta sinopse da súa vida, porén utilizo nestas notas a documentada biografía da autoría de Ricardo Gurriarán, da cal me fago transcritor.

No campo xurídico, desde 1959 realiza artigos compilatorios da actividade xurídica en Ourense, ao tempo de facer unha reivindicación constante da necesidade de desenvolver máis e mellor o Dereito Especial de Galicia nos foros onde acudía, nomeadamente na prensa. En 1959 participou na creación do Colexio Oficial de Diplomados en Psicoloxía e Psicotecnia, pois tamén se diplomara nesta especialidade. Mesmo chegou a escribir na fermosa revista Vieiros, icona do exilio galego en México o seu primeiro artigo en galego despois de 1936. Logo sería un dos maiores difusores desta publicación en Galicia, pois a súa amizade con Luís Soto, que era un dos principais valedores de Vieiros, viña dos tempos de ensinante no Ourense republicano. A súa distribución custoulle máis dun apercebemento por parte das autoridades, que lle abriron expediente sancionador en 1966, pois fora prohibido o seu reparto en Galicia a través da Delegación de Turismo de Ourense. No número tres de Vieiros (1965) escribiu outro artigo, «A pasaxe dos eidos na Galiza», no que poñía de manifesto os fondos coñecementos que tiña Amadeo da historia do dereito galego. Tamén fixo artigos de carácter etnográfico e folclórico, ou relacionados coa cultura galega. No centenario de Cantares Gallegos, Amadeo citaba unha laudatio de Gerald Brenan dedicado á nosa sobranceira Rosalía de Castro.

Celso Emilio Ferreiro

Como salienta Ricardo Gurriarán, unha das actividades máis arriscadas que organizou Amadeo foi a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro con motivo da súa marcha a Venezuela, en 1966. O avogado ourensán presidía unha comisión na que o secretario era Luís Soto e os vogais Otero Pedrayo, Arturo Lezcano, Julio V. Gimeno, Marcial Carlés Calviño e Manuel Sánchez Aguirre, que se reunían no despacho de Amadeo. Mais na trastenda tamén estaba o Partido Comunista, representado por Xesús Alonso Montero, e a UPG, representada por Xosé Luís Méndez Ferrín. O acto tivo lugar no Hotel Roma o 15 de maio do ano 1966, onde confluíron intelectuais, profesionais, universitarios, clero ordinario e regular e xente do común de toda Galicia. O xantar homenaxe tivo claro contido sociopolítico: a emigración, representada pola marcha de Celso Emilio e o sentido antimonopolio capitalista que representaba Fenosa, que serviría de pretexto para amosar unha aberta declaración polo espolio que a citada empresa efectuara no Ribeiro para construír o encoro de Castrelo de Miño. Foi o primeiro escenario público onde as forzas políticas na clandestinidade saíron á superficie. E onde a solidariedade do país, por vez primeira, se materializou nunha inxente cantidade de sinaturas recollidas en todos os estratos sociais e profesionais de Galicia, en boa parte, froito do labor que levaron a cabo os estudantes de Compostela. Alonso Montero e Varela convenceran daquela a Ramón Otero Pedrayo para que interviñese no acto co seu atronador e incisivo verbo, como logo así fixo.

Congreso de Dereito Galego

Varela tivo unha salientábel participación no I Congreso de Dereito Galego na Coruña en outubro de 1972. Posiblemente a primeira xuntanza profesional no xurídico con vocación identitaria de país, é un antecedente da Irmandade Xurídica Galega.

Sirva estas liñas como biografía resumida dun home feito a si mesmo, apaixonado da política, con inquedanzas intelectuais e con vocación de facer país desde mozo, quen, logo de ter vivido unha guerra, tivo que blindarse nunha dura ditadura e que, paseniño, foi buscando espazos de liberdade á vez que se facía resistente ao franquismo. Interesado pola cultura propia, Amadeo buscou foros onde poder difundila, ás veces con risco. Desde a súa profesión de avogado, acaída para ser bo e xeneroso, foi quen de axudar aos máis desfavorecidos e desvalidos. Pouco tempo antes de morrer, deixaba escrito unha especie de mensaxe testamentaria nas páxinas do mesmo xornal onde fixera os seus primeiros artigos, A Nosa Terra. Á parte de dar unhas pinceladas biográficas e do seu compromiso político, afondaba na necesidade de crear un partido nacionalista moderado (1992). O problema da Galicia, dicía, «segue sendo unha cuestión de solidariedade social, de fe e comprensión dos destinos da terra. A grandeza de Galiza está nas nosas mans. Perderemos tamén esta ocasión?».