«O lume que alampea»

Ramón Nicolás

FIRMAS

15 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Na proxección da figura e mais da obra de Celso Emilio Ferreiro, tras o seu falecemento, rastréxanse cando menos algúns acontecementos que, talvez, sexa acaído lembrar. O primeiro, alén da posta en marcha da Fundación que leva o seu nome e que vela pola difusión da obra do autor celanovés en diferentes dimensións, foi o acordo, xerado nun contexto pouco favorable, polo cal se lle dedicou o Día das Letras. Constituíu a primeira ocasión na que a decisión se adoptou cando o autor non cumprira aínda, exactamente, os dez anos transcorridos desde a súa morte. O ano de 1989, afírmoo con certo coñecemento de causa, supuxo un cambio de rumbo na recepción que esta festividade gozou na sociedade galega pola súa intensidade e mais pola súa transversalidade.

A segunda data poderíase situar en 2004, isto é, cando se cumpriron os vinte e cinco anos desde o seu falecemento. Un tempo que se aproveitou para volver reclamar a vixencia do seu legado literario, nomeadamente a través da celebración dun simposio, homenaxes e numerosas publicacións. O terceiro momento sería o que, ao longo de 2012 e con ocasión do centenario do seu nacemento, ao abeiro da declaración polo Parlamento de Galicia como «Ano CEF», xerou unha actualización e precisa posta ao día do «universo CEF» a través de numerosas achegas de corte ensaístico, audiovisual e, sobre todo, mercé a enxurrada de actividades que se viviron en todos os ámbitos do ensino en Galicia, alén de proxectarse a súa figura e a súa obra internacionalmente. A súa voz, a súa obra, a súa memoria foi, é e segue a ser un patrimonio común e irrenunciable.

O lume que alampea segue moi vivo.