A melódica guerra das coplas

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Corrupción, emigración e política local centran as pullas cidadás

02 may 2014 . Actualizado a las 07:20 h.

Emigración, paro, corrupción, as leis de educación e do aborto, as preferentes e a política local son temas recurrentes nas coplas dos Maios que o próximo domingo se cantarán na rúa do Paseo de Ourense.

Un repaso polas letras presentadas por unha trintena de colectivos á convocatoria do Concello capitalino permiten percibir as preocupacións da sociedade ourensá e confirman a pericia literaria de grandes e pequenos. Asociacións de veciños, centros educativos, grupos culturais e colectivos de carácter moi específico, como a Plataforma contra a autoestrada A-76, fan nos seus versos un repaso satírico, e ás veces poético, do acontecido no mundo no último ano.

Pouco, ou nada, escapa á memoria e á crítica. Polos breves versos das coplas desfilan no 2014 a infanta Cristina, o papa Francisco, o ministro Wert, Rajoy, Ana Botella co seu «relaxing cup of café con leche», Esperanza Aguirre e o seu encontronazo de tráfico, Mas e a reivindicación catalana, Merkel, Obama, Putin, Blesa, Correa?

A lista global ten un importante contrapunto na vida local. O concelleiro de Democracia Ourensana Gonzalo Jácome; o alcalde, Agustín Fernández; Baltar pai e fillo e ata Xosé Lois Foxo desfilan polas coplas para recibir a reprobación dos autores.

Das beirarrúas ó polbo

Non escapan da análise dos Maios as beirarrúas da casa do rexedor, os problemas coa cirurxía infantil, os supostos enchufes de Aquagest e Vendex, as leccións de ética e as depuradoras de Baltar, a Pokemon, a situación do CD Ourense, a Casa Lusquiños, as termas ou a polémica do pulpo e o polbo.

Cun enfoque máis concreto, a asociación de veciños Santa Ana, de O Pino, centra os seus versos no plan xeral de urbanismo e as súas consecuencias para o barrio. A Marcha Mundial das Mulleres pídelle ás féminas que non sexan sumisas, Queremos Galego denuncia os problemas de contratación dos «Celgas» e a Plataforma contra a autoestrada A-76 sentencia: «O alcalde de Nogueira non sabe, non contesta, pásalle como á infanta, que de amor váiselle a testa».

Entre os centros de ensino, o instituto Otero Pedrayo e o colexio Irmáns Villar pasean as súas críticas á nova lei de educación e a asociación de nais e pais da Purísima saca a colación a Rajoy, a ZP, a Correa, ós sobres do PP e á crise para incluír unha defensa da amizade e unha mensaxe ós alumnos para que preparen e loiten polo seu futuro.

A retranca como identidade

A federación de centros xuvenís Don Bosco de Galicia asegura, resumindo o espírito das coplas dos maios: «A nosa retranca é identidade de Galiza enteira e desta cidade».