A Festa do Boi deste ano incorpora animais criados no pobo

X. M. R. / OURENSE

OURENSE CIUDAD

Os bois que correrán pola vila pertencen á gandeiría limiá de Penamá

10 abr 2014 . Actualizado a las 14:08 h.

A Festa do Boi 2014 celebrarase entre os días 14 e 22 de xuño e este ano contará cunha novidade vencellada co propio pobo de Allariz. Por vez primeira os bois que se empregarán para correr na festa son orixinarios do propio pobo, ao proceder da gandeiría que se está criando dende hai uns anos en Penamá, dentro da aposta do concello por incentivar os recursos propios e pór en valor os montes comunais da vila. Os bois son de razá limiá e logo de ser empregados na festa voltarán aos montes de Penamá, onde serán cebados para destinar máis adiante ás xornadas de degustación de carne que se organizan na propia vila. O programa da Festa do Boi 2014 presentouse hoxe na libraría Torga, de Ourense, e no acto participaron Marisa González, do colectivo organizador, o exconcelleiro Antonio Blanco e o alcalde, Francisco García. Antonio Blanco anunciou que a festa incorpora este ano o «trato», que lembrará o trato que se facía antigamente entre os organizadores da festa, en tempos do gremio de carniceiros e tratantes, e os propietarios dos animais para conseguir os bois para a festa. Marisa González salientou o feito de que a Festa do Boi é froito dun traballo colectivo onde se implican máis de oitenta persoas.