O Simeón acolle a mostra «51 páxinas das nosas letras»

OURENSE

Santi M. Amil

A iniciativa do Parlamento de Galicia rende homenaxe aos autores das Letras Galegas

02 abr 2014 . Actualizado a las 00:10 h.

Pilar Rojo, a presidenta do Parlamento de Galicia, inaugurou hoxe a mostra «51 páxinas das nosas letras» no Centro Cultural Marcos Valcárcel, da Deputación de Ourense. O proxecto é unha iniciativa do Parlamento de Galicia, en colaboración coa Xunta e a Real Academia Galega, que naceu para render homenaxe aos autores que se lle ten adicado o Día das Letras Galegas dende a súa institución en 1963. A exposición xa se amosou en A Coruña, Ferrol, O Carballiño e Celanova, ademais de na propia Cámara galega. Pilar Rojo salientou no acto de inauguración o feito de que 10 dos 51 persoeiros aos que lle foron adicadas as Letras Galegas son da provincia: «O que demostra a potencia literaria da ourensanía», en palabras da presidenta do Parlamento. Rojo animou «a todos os ourensáns a visitar a exposición, e moi especialmente aos mestres e mestras, para que leven aos seus alumnos e alumnas a coñecer a mostra; e aos pais e nais, para que fagan o mesmo cos seus fillos e fillas». A mostra adica un panel a cada un dos autores e está integrada a mesma «polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas. Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza». Complétase a mostra con paneis que dan conta das biografías e as principais obras dos autores, textos que foron elaborados por diferentes académicos da RAG «na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia».