Frechas de amor e literatura dende Allariz

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

A firma Fina Rei e a poeta Yolanda Castaño deseñan un doce para o día dos namorados

01 feb 2014 . Actualizado a las 20:17 h.

Chocolate, poesía e a atinada frecha de Cupido apuntando ó corazón. ¿Que máis se pode pedir para celebrar o día dos namorados? Cecais boa compaña, e un agasallo de sorprendente deseño. E iso é, precisamente, o que logrou a firma de repostería tradicional e creativa Fina Rei en colaboración coa escritora Yolanda Castaño. Non o da compaña, obviamente, porque neso cada quen debe facer o traballo da escolla como mellor entenda; se non co agasallo.

Por segundo ano consecutivo, a firma alaricana botou todo o seu bo saber facer e a súa experiencia de máis de catro décadas no sector reposteiro nun produto diferente, orixinal e de unha delicadeza exquisita, destinado especialmente a que os namorados poidan sorprender ó seu amado ou amada, sen necesidade de grandes alardes económicos e consumistas. Menos é máis, xa se sabe; e cando se trata de chegar ao corazón, esa máxima está comprobada.

Baixo o lema «Acértalle no corazón» a colaboración entre Fina Rei e Yolanda Castaño deu lugar a un agasallo que cumpre con todos eses requisitos e que presentaron hoxe na tenda que a firma ten na rúa Emilia Pardo Bazán de Allariz.

Trátase dunha frecha de chocolate rematada nun corazón, que leva incorporado un poema de amor creado pola poeta santiaguesa.

Está en galego, lingua pola que tanto a escritora como a firma artesá de repostería levan apostado dende sempre, e que agora reivindican no valor da súa beleza para transmitir o sentimento máis doce que existe á persoa á quen se quere.