«Queremos dar a coñecer a riqueza do arquivo ao gran público»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Un personaxe do século XVIII difunde o legado patrimonial en Youtube

12 ene 2014 . Actualizado a las 15:00 h.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense é o gran descoñecido da provincia. Un centro que garda a memoria dos ourensáns e que malvive nunhas condicións que están lonxe de ser as ideais. Para divulgar o seu patrimonio e os seus servizos Pablo Sánchez Ferro (Madrid, 1973), vinculado ao mesmo dende o ano 2003 e director dende o 2006, ten promovido iniciativas como as xornadas de portas abertas. A nova proposta neste senso aposta polo audiovisual, as novas tecnoloxías e as redes sociais: unha serie de curtametraxes protagonizadas polo Capitán Gardador. A primeira xa foi presentada ao público e haberá novas entregas.

-¿Como nace este novo proxecto de divulgación?

-Xurde como unha confluencia de ideas, que remata nun proxecto que non se parece en nada ao que tes pensado nun principio. Tiñamos a intención de facer un documental sobre o arquivo, un pouco para que o gran público o coñecese e para documentar a súa historia como paso previo ao futuro traslado a San Francisco, e xa contabamos co protagonista.

-¿Quen era o Capitán Gardador?

-Nun protocolo notarial de 1774 aparecía debuxado un soldado que era definido como Xan de Baldriz, o Capitán Gardador dese documento. É un personaxe que empregamos o pasado ano para as visitas dos rapaces e funcionou moi ben. Daquela decidimos reorientar a idea inicial para apostar pola creación de pequenas curtametraxes. E o Capitán Gardador axuda a dar a coñecer o Arquivo.

-¿De cando vén o proxecto?

-A idea arranca no ano 2007 e no 2009 tiñamos perfilado o que queríamos facer. Loxicamente a iniciativa foi mudando co tempo e cada curtametraxe supón moitas horas de traballo.

-¿Por que optaron por ese formato?

-É máis actual, permítenos traballar coas novas tecnoloxías e tamén é máis ecolóxico, en canto que o difundes pola rede e non tes que andar facendo copias. Apostamos pola economía de medios.

-¿Como se fixo o proceso?

-Adaptamos o personaxe, un debuxo, a un actor profesional e optamos por facer unha serie de pequenas curtametraxes que son un achegamento ao patrimonio documental e aos fondos históricos, de xeito ameno e dinámico, para dar a coñecer esta riqueza ao gran público.

-Esta primeira entrega serviu para espallar a realidade do Arquivo aos cidadáns ¿en que se centrarán as próximas?

-O próximo vai tratar sobre a sociedade rural galega. O mundo de labregos, campesiños e fidalgos, da Idade Media e o Antigo Réxime, que configurou a paisaxe antrópica de Ourense e Galicia. Outro nas xeracións finiseculares, o tempo da Xeración Nós e a importante actividade cultural que foi referente para Galicia. Un lembrará a actividade das minas de Casaio e a extracción de volframio para os nazis. Outro espallará un documento peculiar que temos no Arquivo: o do barbeiro-sangrador de Allariz e tamén imos facer un sobre a Guerra da Independencia na provincia. En principio queremos facer cinco curtametraxes, e logo xa veremos se podemos darlle máis continuidade.

-Coa economía de medios á que se refería ¿como van divulgar estes traballos?

-O Capitán Gardador ten o seu espazo propio en Youtube, leva 845 visitas en menos de 25 días. Ademais vaise proxectar a curtametraxe polas vintedúas pantallas que están vencelladas á Federación de Cineclubes de Galicia. A colexios, institutos e outras entidades chegará a través da rede.

pablo sánchez ferro director do arquivo histórico provincial de ourense