«O noso obxectivo é tirar polos artistas de O Ribeiro»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Montero di que se pretende editar outro disco con grupos de O Ribeiro

20 ago 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

Manuel Araújo Montero (Ribadavia, 1980), é a cabeza visible do Festival Arteficial, que esta pasada fin de semana celebrou en Ribadavia con grande éxito a sétima edición. Deixou bo sabor de boca pola calidade dos grupos que participaron e pola resposta do público.

-¿Cal pode ser o balance desta cita?

-Pois moi positivo, todo saíu moi ben. O venres a sala Club Artístico estaba chea e o sábado case tamén. O primeiro día houbo 600 asistentes e o segundo, 400. Estamos moi satisfeitos.

-Un acicate para os xóvenes.

-Si porque a xente que veu ten entre os 18 e 30 anos inda que o venres ampliouse a idade polas bandas locais. Recuperamos a banda mítica do Ribeiro, Águila de Hierro, de hai 28 anos e cuxos compoñentes hoxe andan todos pola corentena.

-¿Por que organizan este festival?

-Porque queríamos facer algo alternativo, de música vangardista e non había alternativa. Xente nova do Ribeiro informouse, reunímonos e e propuxemos esta actividade. Así se fixo para reflectir outras curiosidades, outras inquedanzas.

-¿Como obteñen a axuda económica?

-O Concello de Ribadavia, aparte de por axuda material e de persoas, danos mil euros; a Deputación de Ourense concede outros tantos para o Lokalarte. A Xunta danos catro mil euros a través de Xuventude; unha empresa privada aporta 1.500 euros e un banco, 500. Non está mal pero deberíamos ter algo máis de axuda porque sete anos de programación xa son anos. Os resultados son positivos e cremos que para o ano nos aportarán máis cartos. Realmente non hai nada igual en toda Galicia neste momento. A xente quedou moi contenta polas actuacións dos mexicanos Austin TV, que sorprenderon, e polo grupo galego Guerrera, que son impresionantes cun rock psicodélico asombroso. Marabillaron a todos, sen desmerecer ós outros grupos como foi o caso de Betunizer.

-¿Xa están deseñando a edición do 2014?

-Temos ideas e bandas na mente. Seguiremos buscando grupos de renome neste eido, sempre dando apoio ás bandas artísticas locais tamén nas outras áreas que non sexan a música con asociacións de O Ribeiro. O noso obxectivo é tirar polos artistas locais xa que hai moitos máis do que parece.

-¿É un fervedoiro esta comarca?

-Aquí hai moita xente que toca e moitos fano en solitario. Gustaríame facer un censo de bandas da comarca. Fíxose un proxecto, o Barullo cun disco no que se gravaron doce bandas musicais do Ribeiro e quedaron forra outras catorce, para outro deuvedé. Intentaremos facer un recopilatorio musical con elas.

-¿De cantas bandas estamos falando?

-Dunhas 25 ou 30, e agora xorden outras dúas despois desta edición do Arteficial. Seguro que van aparecer máis. Hai moitos rapaces que poden tocar e ter un público que os atenda. Podemos facer unha plataforma xeitosa. Temos o noso propio equipo e queremos facer algún concerto illado, pero que os rapaces de aquí teñan onde tocar.

-¿Que tal foi a recadación desta sétima edición?

-Vendemos sobre cen entradas anticipadas a un prezo de cinco euros e na taquilla, sobre trescentas entradas a mil euros. Sacaríamos, inda están as contas se facer, arredor de catro mil euros. Daranos para pagar todo e o que sobre, investirémolo o ano que vén.

manuel araújo director do arteficial