Alonso Montero destaca a importancia das obras de Ramón Nicolás e Begoña Caamaño

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Miguel Villar

Os dous autores foron premiados na 28 edición dos premios Losada Diéguez

15 jun 2013 . Actualizado a las 20:38 h.

Ramón Nicolás pola súa biografía sobre Celso Emilio Ferreiro «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro» (Ed. Xerais, 2012) e Begoña Caamaño coa novela «Morgana en Esmelle» (Ed. Galaxia, 2012) receberon este mediodía no Pazo de Moldes, sé da Fundación Losada Diéguez) en Boborás os premios que lembran a figura do agrarista ourensán a quen o profesor Xesús Alonso Montero definiu como «mentor» da Xeración Nós e de Otero Pedrayo.

Da obra de Ramón Nicolás, premiado na categoría de investigación e ensaio, Alonso Montero reseñou que «é un libro imprescindible para coñecer a Celso Emilio e moi importante para saber do acontecer das letras galegas entre 1950 e 2000». Ramón Nicolás antes de escribir esta biografía editou a narrativa, poesía completa e obra xornalística do escritor celanovés. Nicolás dixo que alén da súa obra poética, Celso Emilio tivo unha producción narrativa moi importante e referente.

Por parte de Begoña Caamaño, quen non puido estar presente hoxe en Moldes, recolleu o premio e falou no seu nome a profesora da Universidade da Coruña, Goreti Sanmartín. Desta novela, que bebe da tradición artúrica dos libros de Cunqueiro, Alonso Montero salientou que «é unha novela moral e case política» na que os personaxes teñen un compromiso.

O premio Losada Diéguez ten unha dotazón económica de 6.000 euros foi instaurado hai 28 anos polos Concellos de O Carballiño e Boboras. Esta mañá antes da entrega dos galardóns celebrouse unha misa e unha ofrenda floral en memoria do intelectual galeguista que lle da nome aos premios.