«En Ourense agora estamos nun momentazo co xadrez»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

PABLO ARAUJO

O mestre e adestrador é un dos principais divulgadores deste deporte

20 may 2013 . Actualizado a las 21:38 h.

Descubriu o xadrez con seis anos, atopando un taboleiro que lle regalarán ao seu irmán por un aniversario. Nos comezos, tivo que aprender pola súa conta e admite que tiña un «nivel espantoso». Con catorce anos, un compañeiro, logo de darlle unha paliza nunha partida, púxoo en contacto coa escola de Barrocás. Lembra que pasou a súa adolescencia entre billares e o xadrez. Hoxe, Elías González é mestre e adestrador de xadrez, ademáis de xogador, aínda que esta última faceta xa non a cultiva tanto. Xa non xoga ao billar, agora as súas outras aficións son a montaña, o cine e «a boa mesa».

En Barrocás comezou todo, a base do xadrez en Ourense. Por iso, Elías sopesou escoller o barrio no que Manolo Villar comezou a organizar hai 28 anos un torneo de Nadal polo que pasaron a meirande parte dos xogadores ourensáns. Porén, elixe finalmente un lugar céntrico, a rúa Florentino Cuevillas, onde hai uns bancos de pedra cuns taboleiros de xadrez. «En Cuba, os taxistas xogan ao xadrez nos capós dos coches. En Europa, noutros países máis frescos, tamén hai lugares públicos para xogar. O máis cinematográfico é Central Park, en Nova York, pero hai moitos. Aquí é mais un ornamento», di o mestre.

Elías González fixo da súa afición unha profesión. Hoxe adícase a ensinar xadrez a perto dun centenar de nenos no clube Xadrez Ourense e tamén dá clases en diferentes colexios. Hai vinte anos xa que comezou, dando clases en Maristas. Hai dez anos fundou o clube e a escola. Lembra que cando el comezou a xogar, os nenos tiñan que buscar información en libros da biblioteca pública porque non existían adestramentos organizados. «Agora o xadrez ven a ti, chega ao colexio, hai moitos clubes», di. Ademáis os pais xa saben que este deporte pode ser un instrumento que axude aos rapaces nos seus estudos e a manter a concentración. «É imposible que un neno que destaque en xadrez non saque notazas en matemáticas», conclúe Elías. E é que o xadrez «é cálculo, está por enriba do home». Hoxendía está satisfeito de adicarse ao xadrez e de non ter aprobado unhas oposicións.

O profesor de xadrez traballa con moitos nenos e desbota o cliché de «niño empolllón, con gafas e sen amigos».

Iván Salgado, ourensán e número dous de España neste deporte, é para Elías González o mellor exemplo. Un rapaz ao que ten visto medrar e ao que aínda lle augura moita capacidade de mellora.

Para Elías, Ourense e sobre todo «unha cidade cómoda». Polo seu tamaño ten un bo número de xogadores e entre eles, un bo nivel de calidade. Ademáis de ensinar xadrez, tamén organiza torneos, como o campionato escolar que se celebrará en Maristas e que é un dos máis grandes deste formato en España.

Elías josé gonzález gil