Xosé Luís Méndez Ferrín gaña o Premio Ramón Otero Pedrayo 2012

OURENSE

O galardón está convocado polas catro deputacións galegas con carácter anual

19 mar 2013 . Actualizado a las 04:05 h.

O escritor e expresidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, engade o seu nome á lista de persoeiros ou entidades que foron galardoados dende 1977 co Premio Ramón Otero Pedrayo. Un recoñecemento, dotado con 30.050 euros, que conceden anualmente as deputacións de Galicia co apoio da Xunta e que onte lle foi outorgado por maioría ao escritor ourensán, que vén de renunciar ao seu cargo na Academia e á súa cadeira na institución. Nas deliberacións tamén entraron a candidatura da revista Grial e a de Francisco Carballo. Finalmente, Ferrín se impuxo a Carballo por nove votos fronte a catro.

A convocatoria 2012 do Ramón Otero Pedrayo correspondeulle á Deputación de Ourense e na xuntanza celebrada onte a proposta de conceder o premio a Méndez Ferrín foi presentada na reunión polo presidente ourensán, José Manuel Baltar Blanco. O titular da Deputación salientou na súa proposta «a obra deste intelectual galego, culta e con vocación universalista, que incorpora diferentes tradicións e bebe en fontes varias: dende a canteira popular aos modelos clásicos e as vangardas».

O xurado subliñou o feito de que Ferrín «ao longo da súa rica biografía literaria, destacou como poeta, narrador, novelista e ensaísta, e ten demostrado rigor e compromiso abondo para iluminar unha paisaxe propia e fermosa, múltiple e posta ao día». Baltar lembrou que a de Ferrín «é unha vida ateigada de renuncias persoais e de decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis inmediato por mor dun compromiso persoal, intelectual, político e social co seu pobo nuns tempos nos que a loita pola democracia e pola liberdade levaban emparellados tantos custes persoais».

Literatura e compromiso

Dende a Deputación tamén se indicou que «entre os datos que avalan o merecemento ao premio destaca o xurado as achegas de Ferrín nos eidos da docencia, da literatura, do xornalismo, na difusión exterior da literatura galega (foi proposto ao Nóbel), e no eido da política e do seu compromiso coa clase traballadora».