Cando a escola constrúe mundos

Juan Carlos Cabanelas e Cándido Cabanelas Barros lembran a súa relación como alumno e mestre

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Juan Carlos Cabanelas (Ourense, 1959) lembra os seus primeiros anos de vida viaxando de escola en escola, entre as aulas da súa nai en Beade, do seu pai en Cenlle e do seu avó en Ourantes (Punxín).

Esa prematura itinerancia rematou cando o seu pai, o mestre Cándido Cabanelas, foi destinado a Brués. Daquel espazo escolar, hoxe ampliado e reconvertido en centro social, consérvanse aínda o balcón da vivenda e o alpendre no que se quentaba a auga para converter en leite o pó aquel do plan Marshall que os cativos engulían xunto con salchichas en lata e queixo amarelo.

Alumno e mestre, fillo e pai, percorren coa memoria os días en que aquela vella escola era o centro do mundo. Alí viron os veciños os primeiros programas de televisión; sobre unha saba colocada na fachada proxectáronse películas no verán; entre o granito dos muros aprenderon a ler e escribir moitos adultos e os nenos familiarizáronse coa xeometría medindo fincas. E con aqueles mestres, Cándido Cabanelas e a súa muller Lolita, convertéronse en nadadores todos os rapaces da aldea porque a escola era o mundo e o mundo sobardaba as paredes e as fiestras.

«Eu non me sentaba nunca ?lembra Cándido a súa etapa de mestre do pequeno Juan Carlos?; usaba moito o encerado e faláballes moito. O primeiro que facía ó entrar os rapaces na clase era mirarlles as mans e as orellas se as tiñan limpas. Para min a educación é o fundamental, a instrucción é secundaria. Ó empezar o curso eu marcaba un calendario para completar o programa pero deixáballes liberdade ós alumnos para estudar cada día a materia que quixeran con tal de que no trimestre tiveran sabidas as leccións».

O pequeno Cabanelas abandonou ós 10 anos a escola de Brués para iniciar o bacharelato no colexio Isabel La Católica do Carballiño, que adoptou como nome popular o apelido do seu director: «D. Juan Corral era un sabio, un personaxe fantástico». Alí estivo Juan Carlos 6 anos, antes de enfilar cara á Ourense, onde fixo COU no instituto Masculino, mentres vivía interno no colexio Menor Calvo Sotelo. En Coruña esperábao a Escola de Arquitectura.

«Como arquitecto eu nunca o vin de pequeno ?afirma o seu pai e mestre?. Eu pensaba en Maxisterio porque eramos unha familia de mestres. E sigo dicindo que a mellor profesión que hai é a do maxisterio».

Foi outro mestre do Carballiño, Felipe Luis López, o que encamiñou a Juan Carlos ás artes plásticas: «Gustábame moito debuxar e as manualidades e el dicíame que tiña visión espacial. En realidade, creo que iso herdeino do meu pai, que era un artista: facía mapas de países con musgo e pedras, preparaba o xardín cos rapaces e tiña o seu propio método para escribir, similar ós cadernos Rubio que viñeron despois».

Saber más...