Facendo Limia con «Lethes»

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Jardón, Caseiro, Monteagudo e Seoane, na presentación.
Jardón, Caseiro, Monteagudo e Seoane, na presentación. j. m. g.< / span>

Vilar de Santos acolleu a presentación do número 11 da revista cultural

16 dic 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

O Centro de Cultura Popular do Limia segue a facer comarca coa súa publicación da xa madura revista Lethes, unha referencia das terras limiás, que alcanza xa o número 11. A presentación fíxose en Vilar de Santos, onde o salón de actos municipal quedou pequeno ante tanta xente chegada de tódolos puntos da zona. O acto comezou cunha montaxe escolar feita en Rairiz de Veiga, sobre o texto de Carlos Casares O galo de Antioquía, como homenaxe ao escritor no décimo aniversario do seu pasamento. De feito a Fundación Carlos Casares entregou alí mesmo os premios do certame literario e plástico, concurso que motivou a presentación de 193 traballos.

Na mesa falaron o presidente do Centro de Cultura Popular, Manuel Seoane, o profesor e escritor Delfín Caseiro e o académico e profesor Henrique Monteagudo. Ao longo de 237 páxinas vanse sucedendo os artigos de investigación entre os que hai un sobre a recuperación dos miliarios do padrón e posta en valor da Vía Nova entre Congostro e A Saínza, de David Pérez e Celso Hugo Barba; outro con datos do Catastro do Marqués da Ensenada na parroquia de Santo Estevo de Sandiás no 1752, de Xavier Feijoo Edelmiro Martínez descubre a Celso Romero Pérez, «un dos nosos exiliados». Rafael Laso asina outro texto sobre a presenza de Xinzo no diario La Vanguardia, entre os anos 1881 a 1994. Breogán Nieto presenta un traballo sobre o reduto defensivo de Penafroufe, do século XVII na raia de Bangueses. Este número 11 da cabida tamén a temas de natureza, como o estudio sobre o regreso da aguia real ao parque do Xurés, do que fala Silveiro Cerredelo, ou o achegamento á entomofauna limiá, de Xosé Lois e Carlos Rey.

Hai un bo abano de temas que sorprenderán ao lector. Como sinalou Seoane, desde que no 1999 naceu Lethes, polas súas páxinas pasaron 185 autores.

Monteagudo recordou a Carlos Casares, co que conviviu intelectualmente dúas décadas. No salón estaba á venta o novo número e anteriores da revista, entre outras publicacións que falan da Limia, da súa intrahistoria, da súa personalidade nunha Galicia pequena en territorio pero grande en microcosmos.