«Sen canon» amosa o contraste entre imaxe e realidade

X. M. R.

OURENSE

Miguel Villar

Xosé Teiga firma unha mostra na que se incide na manipulación fotográfica

27 nov 2012 . Actualizado a las 07:15 h.

O Espazo Xove de Ourense acolle ata o venres, día 30, a mostra Sen canon, de Xosé Teiga. A proposta do artista para o Outono Fotográfico 2012 incide na manipulación que se fai da realidade para adaptarse aos estereotipos e aos esquemas que se queren reflectir e transmitir no que se refire á imaxe das mulleres. A mostra está composta por parellas de fotografías nas que se fai dialogar a imaxe orixinal coa presentación final da muller logo de tratadas e retocadas as fotografías orixinais. Cada unha das obras vai acompañada por unha peza de madeira na que se lee unha mensaxe referida ás fotografías -«artimaña», «mentira» e outras expresións-. Teiga reseña no texto que acompaña a exposición que o obxectivo é facer reflexionar sobre a realidade e os estereotipos sociais.

Asun Adá e Clube Alpino

Na xornada de onte a oferta do Outono Fotográfico ampliabase coa apertura ao público da mostra Transmutando, como gotas, da fotógrafa e creadora Asun Adá. Ademais da mostra individual tamén participou no proxecto Noites de ronda. Dentro das actividades do certame para hoxe está prevista a presentación do ciclo do Clube Alpino.