Imagen:

Unha historia de loita polo saber

O escritor e empresario xa demostrou na escola carácter emprendedor


OURENSE / LA VOZ

A primeira lembranza que o editor, escritor, investigador cultural e promotor inmobiliario Olegario Sotelo Blanco ten da escola é «dunha señorita falándome castellano». Era o ano 1950. El tiña 5 anos e a escola estaba na aldea da Eirexa, a catro quilómetros a pé da súa casa natal en Quintela (Castro Caldelas).

Trala primeira clase, Olegario escapou. Non lle quedou outra que volver alí durante un par de anos, «pero non aprendín nada». A solución a ese desapego escolar chegou da man de Argelina Vázquez Conde, veciña tamén das terras de Caldelas e, aínda que castelanfalante, como non podía ser doutro xeito na escola franquista, moi afastada daquel tipo de mestra de distante refinamento seudourbano.

Argelina puña escola na aldea de Vimieiro e tiña sona de boa mestra. Con ela preparou Olegario o ingreso no instituto e dela recibiu, sobre todo, ás para voar: «Argelina preparounos para non quedar destripando terróns na aldea. Os meus pais eran analfabetos e na miña casa non había libros; eu só lera o Quixote porque llo deixara un amigo ó meu irmán e non llo devolvín ata que o acabei. Dentro dese contexto ter unha mestra que te espabila e que te fai ver a vida dende o mundo da cultura..., iso foi crucial».

Aprobado o ingreso, Olegario fixo primeiro de bacharelato no ourensán Estudios Galicia, un camiño truncado pola economía familiar. De volta a Caldelas, o apoio do seu irmán permitiulle continuar estudos nunha academia en Sas de Penelas, aínda que o bacharelato remataríao en Barcelona, onde chegou como emigrante e onde fixo Delineación e ata carto de Dereito: «Eu non emigrei só para gañar cartos, eu quería estudar, quería saber».

Conseguiu ambas cousas e converteuse nun nexo cultural e empresarial entre Cataluña e Galicia, impulsando iniciativas senlleiras que non lle foron alleas á súa mestra: «Levei unha enorme alegría cando souben que estaba en Barcelona moi ben situado. De neno xa se lle vía unha gran capacidade e calidades para ser emprendedor».

Aquel neno que, con 12 anos, chegou ás mans de Argelina, lembra con nitidez o esforzo da educación da época: «A mestra camiñaba catro quilómetros dende a súa casa e ás veces chegaba molladiña. Era moi escravo». Olegario recórdase coma un neno afeccionado á Xeografía, pero Argelina matiza que «era completo, era bo en todo».

«Eu aprendín con ela a facer redaccións e encontreille o gusto a escribir, que tanto me serviu despois», relata Olegario. «Iso pretendía eu: formar as capacidades das criaturas e que despois, coa vida, foran aprendendo coñecementos», retrúcalle Argelina, a mestra perfecta para un espazo e un tempo definidos, o rural galego e a infancia de Olegario Sotelo Blanco: «E iso é porque era de aquí e sabía o que había, non era unha señorita de fóra».

Votación
4 votos
Etiquetas
Emprendedores Castro Caldelas Comarca da Terra de Caldelas