«O patrimonio é para todos»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE

PABLO ARAUJO

O director do Arqueolóxico di que o edificio é a historia da cidade

28 jul 2012 . Actualizado a las 13:15 h.

Naceu en A Mezquita (A Merca), no 1954. É licenciado en Xeografía e Historia , especialista en arqueoloxía pola Universidade de Valladolid. Leva dous anos como director do Museo Arqueolóxico de Ourense e tres décadas traballando neste eido. Xulio Rodríguez foi alumno da Academia Galicia ata quinto de bachiller. Rematou a secundaria no instituto masculino de A Ponte. No Colexio Universitario do Posío comezou a carreira. Era unha época, di Xulio, na que había una inquedanza cultural grande e uns alumnos con ganas de novos proxectos. E daqueles momentos veulle a paixón pola arqueoloxía. «Os primeiros traballos de campo fixémolos na Lanzada. Ao rematar primeiro de carreira, Francisco Fariña acababa de tomar posesión como director do Museo Arqueolóxico», di Rodríguez. E seguiron novas campañas pola Lanzada, Castromao, Lás e outros.

«Ao rematar terceiro fun a Valladolid a especializarme en arqueoloxía. Alí estaba un profesor que viña da Universidade de Santiago, Balil Illana, catalán, e fumos tres alumnos de Ourense seguindo a súa estela», comenta o director. Estudar con Balil abriulles novas miras de facer arqueoloxía con aqueles traballos en Herrera de Pisuerga.

Xulio Rodríguez licenciouse coa tesina A terra sixilata no Museo Arqueolóxico de Ourense. «Ese traballo levoume a Santomé. A Blanco Guerra lle apareceran sixilatas e mandounas a Balil a Valladolid e comecei a vincularme no 1983 nas primeiras escavacións», sinala.

Santomé

Santomé é unha referencia en posta en valor e pioneiro en traballos 3D baixo a dirección de Xulio Rodríguez, que exerceu de conservador no Museo ata que chegou a dirixilo. O feito de que ese edificio leve anos pechado non significa, di o noso protagonista, que non se traballe: «Hai que traballar máis para estar presente na sociedade, investigando, catalogando e facendo unha aposta polas novas tecnoloxías do patrimonio, co Ministerio de Cultura participamos con pezas relacionadas coa muller e temos a web do museo», explica Rodríguez.

Considera que no Museo faise un traballo infinito e hai que darlle todos os elementos ao arquitecto para que entenda o edificio. «É a historia da cidade pola riqueza de restos que ten. Todo está aí», di o seu director.

Xulio veuse de Valladolid cunha licenciatura e coa que hoxe é a súa esposa, a investigadora e profesora da Facultade de Historia, Yolanda Barriocanal. E lembra as relacións con Ferro Couselo e Xocas, cando presidía o Grupo Marcelo Macías e Xulio era o secretario, cargo que mantivo sendo Olga Gallego presidenta máis de vinte anos.

Coordinou a catalogación do patrimonio cultural da Limia, cun discurso histórico e ordenación territorial. «Os bens patrimoniais non son illados, están nun espazo e no tempo. Cada vez hai máis concienciación, ás veces mal entendida. O patrimonio é para o disfrute de todos», apunta Rodríguez que, arqueoloxía aparte, pasa o tempo libre cultivando tomates ou lendo ensaio, temas galegos ou de patrimonio. Tamén lle gusta a conversa e ir de viños cos amigos.

Xulio Rodríguez Gonzñalez

Arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico de Ourense

O claustro do pazo no que se atopa o museo, que fala da historia da cidade