«Baltar apuroume para deixar a alcaldía e logo non cumpriu»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Vila lamenta a «mentira constante» do expresidente e do actual rexedor

06 may 2012 . Actualizado a las 07:10 h.

As referencias á súa xestión cando se fala da crise económica que está a vivir o Concello de Xinzo molestan profundamente ao exalcalde, Isaac Vila Rodríguez (Mosteiro, Xinzo, 1936), especialmente cando veñen do seu sucesor, Antonio Pérez. «Eu contribuín a deixarlle aquilo porque Baltar apuroume a deixar a alcaldía e logo con cumpriu as súas promesas. En virtude diso a miña relación con Xinzo é distante, ou mellor dito, a relación do alcalde de Xinzo comigo é distante», di nada máis sacarlle o tema.

-¿A que promesas se refire?

-Eu cedía a alcaldía antes de tempo e facía campaña para que este mantivera a alcaldía a cambio de que eu repetía no Senado catro anos. Xa non me doe que eu fora ou non fora ao Senado, a min o único que me molestou foi o engano. Se a min se me fala claro con antelación, antes de empezar a campaña, eu teríame movido doutra forma, pero ata que se entregaron as listas a min non me dixeron nada. A min me dixeron que estivera tranquilo, que estaba feito e despois entéraste polos medios de comunicación que vai outro. O que me molestou foi a mentira constante de Baltar e do alcalde.

-Nese momento o presidente provincial era Baltar fillo. Cando fala de promesas rotas, ¿refírese a el ou ao seu pai?

-Pai, pai. Os meus tratos foron sempre con Baltar pai. Con Baltar fillo eu non tiven trato ningún.

-¿Arrepíntese de non ter actuado de outra maneira?

-Si. Houbo alcaldes como o de Ribeira, Torres Colomer, que cedeu a alcaldía pero falou con Alberto Núñez, cosa que eu non fixen. Eu tiven que chamar a Alberto. O problema é que froito disto, en vez de ser eu o cabreado, resulta que enriba aínda é o alcalde de Xinzo quen o está.

-Pero, ¿non ten vostede algo de culpa na situación actual de Xinzo? Alomenos, o alcalde, cando fala deste problema, alude sempre ao pacto que firmou coa CIG o 15 de maio do 2007.

-É posible que eu tivera culpa tamén. Eu o que quero deixar claro é que isto naceu na época de Ramón de la Fuente, que firmou un convenio leonino. Logo veu Sueiro e referendan aquilo e aínda o melloran. Cando eu chego de volta no 2003 encóntrome cun convenio que non hai forma de atallalo. Quizais caín tamén eu aí, pero o dano viña de atrás. Se non houbera o convenio que había eu non tería firmado nunca iso.

-¿Moléstalle que o alcalde recorde o seu papel nese asunto?

-Naturalmente. O alcalde, que formou parte da corporación, tivo moito tempo de dicir algo en contra e sen embargo vén a dicilo agora. En todo caso hai que botar as culpas por quen estivo. Parece que agora o malo da película son eu. ¿Será polo incumprimento dos acordos que se tomaran?

-Pero vostede aí sería o prexudicado...

-Si, efectivamente, eu fun o ofendido neste caso.

-¿Non houbo demasiadas contratacións na súa etapa?

-Eu entendo que non porque o Concello xa estaba cargado. Nestes últimos oito anos que estiven non houbo moita contratación. Había contratacións temporais desas que viñan por convenios e había outras que eran contratados da Deputación e estaban destinados alí.

isaac vila rodríguez exalcalde de xinzo de limia