Castelao e Rosalía na fachada

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

LOLITA VÁZQUEZ

Un veciño de Vilamartín de Valdeorras retrata no exterior da súa vivenda en Córgomo aos grandes nomes da literatura galega

15 abr 2012 . Actualizado a las 07:03 h.

En plena restauración da súa casa en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o artista Anxo Baranga non se puxo a escoller cores para a fachada. Alomenos non no sentido habitual. No seu caso ten optado de momento polo branco e polo negro, aínda que aventura que en breve meterá tamén cor; pero non para pintar a brocha gorda, senón para perfilar coma se se tratara dun cadro e plasmar un gran Castelao, a Rosalía ou ao vilamartinés máis ilustre, Florencio Delgado Gurriarán. Como único axudante, un galleiro co que chegar ás partes máis lonxe do chan.

«A idea é ir facendo un gran mural da cultura galega, poñendo tamén a Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro... Os nosos símbolos, que, por outro lado, moitos non coñecen», conta Baranga. De feito, moitos veciños lle teñen dito aquilo de que a muller da fachada lles soa «¡dos billetes de 500 pesetas!», conta o artista sen disimular a súa sorpresa. «Moita xente non coñece os nosos símbolos, e iso é algo que me gustaría poder cambiar con este proxecto, que ten un marcado sentido didáctico», prosigue Baranga falando dunha ambiciosa idea que aínda non ten nome. O que está moito máis perfilado é o concepto global.

Os grandes nomes da cultura non estarán sós na fachada de Córgomo, datada no 1901. Tamén haberá, na planta baixa, oco para xente con menos repercusión. De momento xa están os gaiteiros de Follas Novas, da que formou parte o pai de Anxo. «E a idea é ir debuxando a xente do pobo, aqueles que traballaron pola cultura, e tamén aos veciños que queiran estar, para que vexan que tamén eles son parte da cultura galega», prosigue o artista.

Baranga ten claro que é un proxecto a longo prazo, e incluso se atreve a aventurar que non o dará rematado nunca. Xustifícao en que co tempo aparecerá alguén novo que engadir, «e tamén é posible que haxa quen se aburra de verse pintado e pida que o quite», di cun sorriso Así que cada paseo ata Córgomo pode sorprender ao visitante cunha nova estampa da casa, escondida nunha calella ao lado da praza do pobo. O mesmo lugar que o artista afincado en Barcelona visita sempre que lle é posible, en especial durante os períodos de vacacións.

Unha festa para o 25 de xullo

A casa é o só o punto de partida, a escusa e o escenario para unhas xornadas previstas para conmemorar o día da patria. O día 24 haberá unha lectura de textos, para a que xa mostraron o seu interese os grupos de teatro da comarca, e aproveitarase o acto para reclamar o día das letras para Florencio Delgado Gurriarán; e para o 25 Baranga traballa en convocar un debate político, «para escoitar aos xestores do país e da cultura, que teñen un papel fundamental».

Reclama facer unha festa máis alá do sentido relixioso que se asocia a cada 25 de xullo, co Santiago como protagonista. «E facelo para os que estamos tan lonxe de Santiago, que celebremos a festa do país, unha festa laica», di. Para iso ofrece a súa casa, a que cualifica como «a casa da cultura galega».

O artista afincado en Barcelona reivindica un festexo laico para o día da patria