Un ano sen Benito Losada

A xestora da fundación que dará continuidade ao Outono Fotográfico e á Banda Deseñada ultima os seus estatutos

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

O pasado luns cumpríase o primeiro ano do pasamento de Benito Losada (Lugo, 1946 - Ourense, 2011) e os promotores da fundación que dará continuidade aos proxectos máis emblemáticos creados polo que durante décadas foi director da Casa da Xuventude de Ourense están a ultimar na actualidade os estatutos que marcarán o funcionamento desta entidade.

No tempo que estivo na presidencia da Casa da Xuventude de Ourense Benito Losada foi quen de crear e consolidar iniciativas como o Outono Fotográfico, as Xornadas de Banda Deseñada, a Bienal da Caricatura, o Maio Xove e outros proxectos, ademais de conseguir implicar á entidade e facer da «Casa» todo un espazo de referencia para a actividade cultural e xuvenil de Ourense. Algunhas destas propostas, como o Outono Fotográfico, son na actualidade as únicas manifestacións que quedan actualmente en Galicia destas características.

En octubro do pasado ano xuntábanse na Casa da Xuventude, na actualidade Espazo Xove, amigos e colaboradores de Benito Losada, xunto a representantes institucionais, para darlle forma ao anunciado proxecto da Fundación Benito Losada.

A entidade terá como obxectivo prioritario da súa actividade manter vivos os proxectos do Outono Fotográfico e as Xornadas de Banda Deseñada, xunto a unha terceira liña de actuación que «vai centrarse na posta en valor do traballo desenvolvido por Benito Losada e a súa faceta de aglutinador de xentes e iniciativas», segundo sinalaba onte Xosé Lois Vázquez, un dos promotores da fundación. Os estatutos xa están redactados e nas próximas semanas procederase a solicitar a creación oficial da fundación.

Un anos despois do seu pasamento, o legado de Benito Losada mantén a súa vixencia.

Losada no seu despacho da Casa da Xuventude. miguel villar