O Simeón adicará unha exposición a Patinha

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O escultor portugués é o autor da peza Camiñante, que foi trasladada da Ponte Romana á rotonda da rúa Dalí

09 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro Cultural da Deputación de Ourense está a ultimar dúas importantes exposicións para achegar aos ourensáns propostas creativas ben diferenciadas: da escultura que se está a facer por parte dun dos recoñecidos artistas de Portugal á revisión histórica dun creador galego desaparecido que mantivo unha forte relación coa cidade e os seus «artistiñas».

O primeiro dos proxectos é o que amosará no Simeón o traballo do escultor portugués Patinha, afincado en Galicia dende hai varias décadas aínda que con proxectos en Portugal e Galicia. Suave e preciso será o título dunha mostra que repasará o traballo creativo desenvolvido por Manuel Patinha (Póvoa Santa Iria, 1949) nas últimas décadas. Patinha ten realizado nestes anos exposicións e mostras por toda Galicia e Portugal, entre outros lugares, e viu recoñecido o seu traballo con un bo número de premios e galardóns: de varios primeiros premios no Certame Isaac Díaz Pardo, da Deputación de A Coruña, ao BMW de Escultura na bienal internacional de Vila Nova da Cerveira.

Na cidade de Ourense o artista portugués conta cunha peza: a escultura Camiñante. Co gallo da remodelación da Ponte Romana a finais do pasado século a Consellería de Cultura encargou a obra a Patinha, que vencellou a celebración daquel Xacobeo e o espazo onde se ía ubicar, no paso do camiño a Compostela, para crear a obra instalada no ano 2000. Coa remodelación do barrio de O Couto e a apertura da rúa Dalí o Concello decidiu trasladar a peza escultórica á rotonda ubicada na conexión dos viais Dalí e Os Remedios.

Revisión de Xavier Pousa

A outra mostra que se poderá ver a partires das próximas semanas no Centro Cultural da Deputación é a titulada Pousa en Ourense. Xavier Pousa (Goián, 1931 - Vigo, 2000) mantivo unha estreita relación coa cidade e co movemento artístico ourensán, de feito tivo amizade co colectivo dos «artistiñas» e, de xeito particular, con Manuel Buciños. As obras que se poderán ver forman parte de coleccións privadas da cidade, por unha banda, e dos fondos da Fundación Xavier Pousa.