«Un cura, un aparellador e un poeta non van xestionar O Irixo»

c. paradela O CARBALLIÑO / LA VOZ

OURENSE

O rexedor popular confirma que seguirá adiante co polémico proxecto

10 ene 2012 . Actualizado a las 15:11 h.

Oalcalde do Irixo, Manuel Penedo (O Irixo, 1960), mantén a súa decisión de seguir adiante co polémico proxecto de instalar unha planta incineradora no seu municipio. E faino pouco tempo despois, dous días, de que preto de 2.500 persoas se manifestasen na súa contra.

-¿Como valora o respaldo cidadán do pasado sábado á convocatoria da coordenadora veciñal Incineradora no Irixo non?

-Todo o mundo ten dereito á liberdade de expresión e a expresarse libremente, e eu respéctoo, pero do pobo do Irixo non había nin duascentas persoas, e cen delas obrigadas. Pero está claro que un cura, un aparellador e un poeta non van xestionar ao pobo do Irixo, máis cando o 80 % dos veciños apostan por esta inversión e por ter unha vida mellor e un traballo digno. Non podemos renunciar a estas prebendas coa cantidade de paro que hai.

-¿A incineradora segue entón para adiante?

-Non podemos renunciar a este proxecto e claro que seguemos adiante, respectando a liberdade de expresión de todo o mundo.

-¿Non lle preocupa a contaminación que pode provocar a incineradora?

-É algo que está moi estudado e imposto en parte de España e tamén por Europa adiante co consenso dos verdes e dos ecoloxistas. En Alemania hai setenta, en Suiza e en Francia... no casco urbán e funciona sen problema ningún. Aquí o segredo é que se fagan ben as obras e os controis. Eu vivo aquí e a miña familia tamén, e estou tranquilo.

-¿Estarán garantidos os controis de funcionamento?

-En todo momento, cada cinco minutos a través de Internet controlaranse os datos da empresa e é a propia empresa á primeira á quen non lle interesa contaminar. Ademais colocaranse nos pobos dispositivos ambientais, incluso antes de que empece a funcionar a incineradora, para saber a contaminación que había antes e despois, e ver o que inflúe. A xente pode estar tranquila porque estará moi vixiado.

-¿Que lle parece que a maioría das consignas da manifestación, algunhas moi duras, foran todas contra vostede e o seu tenente alcalde?

-Bueno eso non foi sorpresa ningunha. É normal porque eu estou ao fronte do Concello. E no caso do tenente alcalde tamén, porque é o presidente dos comuneiros donde se vai facer a planta incineradora.

-¿Coma segue coa empresa o proceso para a súa instalación?

-De momento xa hai un preacordo cos comuneiros dos terreos elixidos, e antes do 30 de marzo ten que estar firmado o acordo definitivo. Despois a empresa terá que presentar ante a Xunta o proxecto, esperar a que lle den o visto bo... É un proceso longo.

-¿Non cre que as mobilizacións de protesta poidan lograr impedir a execución do proxecto?

-Non. Insisto que eu son o primeiro que está a favor da liberdade de expresión, pero neste proxecto hai unha aposta moi grande, non só para O Irixo senón para todos os concellos. Estamos falando de soldos de entre 1.200 e 1.400 euros líquidos, que coa que está caendo por aí non se poden desprezar.

-¿Pensa que o emprego a xustifica?

-Podendo ter un concello no que non exista o paro e que a xente poida vivir mellor... Tamén debería valorarse e terse en conta. Ata o momento, ademais, non oín a ninguén falar pola xente que o está pasando mal por non ter traballo. Pido por iso prudencia, tranquilidade e calma. Isto facémolo polo ben de todos. Xa o dixen, eu vivo aquí e estou tranquilo.

manuel penedo paradela alcalde do irixo