«Fago un repaso pola historia da Ponte tomando como base as vivencias dos seus veciños»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

30 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A casa parroquial da igrexa de Santiago de As Caldas, no barrio de A Ponte, acolle esta tarde a presentación dunha singular obra que repasa o acontecer das súas xentes e a súa historia nas últimas décadas. E faino da man dun dos seus incondicionais, o veterano xornalista José Manuel Fernández Sobrino. A presentación de La vida en A Ponte hasta 1960. De las viñas al asfalto comezará ás 20.30 horas.

-¿Como se xestou este proxecto sobre A Ponte?

-Nun acto no que se facía unha homenaxe a dous veciños do barrio eu interviñen porque unha das persoas era amiga miña. E contei algunhas cousas do barrio, anécdotas e historias do mesmo. Na sala estaba José Luis Baltar e emprazoume a facer un libro sobre a historia do barrio dicindo que, do contrario, esas cousas ían perderse. E así foi como naceu este proxecto.

-¿O barrio que vostede refrexa como era?

-Era unha Ponte totalmente distinta á actual, máis pequena pero cunha grande vida veciñal e unha importante actividade social, económica e cultural.

-¿É difícil resumir a historia do barrio nunha publicación como esta?

-Cando traballas nun xornal o espazo é reducido e haise que adaptar a iso. Na radio pasa igual. Nos medios de comunicación estás condicionado polo espazo e polo que a xente está agardando que lle contes. Neste caso non, a estructura fíxena para que a publicación resulte sinxela e entretida e en lugar de abordar épocas históricas -facendo o repaso pola vida do barrio na dictadura de Primo de Rivera, na República, na guerra, na posguerra, etc- o que fago é contar a historia do barrio tomando como base as vivencias dos seus veciños e a lembranza daquelas persoas ou institucións que ocuparon un lugar salientable na Ponte.

-¿Por exemplo?

-Pois a perruquería do Custodio, a carnicería dun que era protestante e o crego non quería que se lle fora mercar alí, o café cantante do Lisardo -o único que había en Ourense naquel tempo xunto coa Bilbaína, este xa na cidade-, A Troya, a construción da Estación do Ferrocarril, da Praza de Abastos, o coro Enxebres...cousas graciosas e anécdotas de épocas pasadas.

-«De las viñas al asfalto» dise no subtítulo da obra.

-É que este era un barrio eminentemente agrícola e os viñedos e as hortas ocupaban a maior parte do barrio. Ata que chegou a estación do tren, a primeira na zona onde agora esta a Normal e logo a actual, iso todo eran terreos e viñas.

-¿Por que elexiu unha vella fotografía para a portada?

-Xuntamos moito material e imaxes antigas e no libro metimos máis de 120 para refrexar o cambio e a transformación que foi experimentando o barrio de A Ponte.