«Queriamos crear un lugar insólito, que transmitise calidez, semellante a unha sala de estar grande »


OURENSE/LA VOZ. 24/07/2010 02:00 h

Marga Fernández Lorenzo é a cabeza visible da nova librería Aira das Letras de Allariz. Un espazo agradable, preto do Arnoia, no cal un pode ler sentado nun confortable sofá ou ó carón dunha fiestra, acudir a citas culturais ou simplemente mercar un libro. Cinco linguas conviven nesta librería: catalán, español, euskera, galego e, portugués e vasco.

-¿Como xurdiu a idea de montar unha librería?

-Fai dous anos tiña un posto de traballo no Concello pero o meu home foi trasladado pola súa empresa a Santander, daquela pedín a baixa e marchei con el. Ó cabo de dous anos e medio volvérono a trasladar para aquí. Atopeime coa mesma situación que se encontran moitas mulleres do rural ourensán, é dicir, escasa oferta laboral. Daquela isto xurdiu como unha oportunidade de negocio ó detectar que había un mercado sen explotar como é o sector dos libros, é dicir o da librería en strictu sensu, e decidimos embarcarnos na aventura, ademais de ser unha actividade que me encanta.

-¿Estilo da librería?

-Tiña claro que para unha vila como Allariz, que conta cun entorno privilexiado e uns coidados excepcionais, había que pór unha librería que estivese acorde coa calidade de vida desta vila. Queriamos crear un lugar insólito, que transmitise calidez, semellante a unha sala de estar grande. Un lugar no que poderse xuntar, falar, pasar un bo rato e ler dun xeito confortable. Fuxir, aínda que só fose un chisco, do mero intercambio de mercancías por diñeiro.

-¿Algunha actividade programada para este espazo?

-Temos programado un circuíto cultural con actividades para tódolos públicos, contacontos, concertos, presentacións de libros, concursos literarios... Actividades que comezaremos a desenrolar a partires de setembro.

-¿Que tipo de literatura podemos atopar?

-Ten unha liña clara, apostamos pola cultura galega. A maior parte do noso fondo é en galego. O cal non restrinxe que non teñamos outro tipo de libros que os nosos lectores demanden.

Votación
5 votos