«Hai pobos que poden vivir dos restos arqueolóxicos»

Acaba de publicar unha investigación sobre as poboacións castrexas na zona de A Baixa Limia


16/03/2010 02:00 h

Martín é un dos investigadores do Laboratorio de Arqueoloxía da Facultade de Historia no campus ourensán. Aínda que naceu na capital hai 27 anos pasou boa parte da súa infancia no pobo de Nigueiroá, entre Muíños e Bande. Precisamente esa circunstancia persoal pesou á hora de escoller a Baixa Limia como zona de estudo para a súa investigación dos asentamentos castrexos, presentado no derradeiro encontro de Novos Investigadores.

-¿Houbo algún aspecto que o sorprendera?

-Pois si. Sorprendeume bastante a aldea de Rubiás, porque a aldea en si é un castro enteira, e está asentada no castro e reproduce patróns protohistóricos. Tamén me sorprendeu o concepto que ten a xente da zona, os veciños, sobre os castros. Aínda os teñen moi asociados a ideas mitolóxicas, e fálanche dos mouros e de tesouros escondidos.

-¿Hai conciencia nos ourensáns da riqueza patrimonial desa época?

-A xente dálle valor, e saben, de forma case inconsciente, que aquilo é importante. Moitas veces polo influxo da relixión e a apropiación simbólica que o Cristianismo fixo deses castros, porque en moitas ocasións nos atopamos con cruceiros, petos ou igrexas que se asentaron aí. Pero o que non hai tanto é a conciencia de que ese é un resto que se pode revalorizar.

-¿Que pode supor un resto destas características para un pobo?

-Pode ser unha ferramenta importante para o futuro, e no caso da Baixa Limia tendo en conta que está tamén o parque natural, podería ser un complemento, un foco de atracción máis para rentabilizalo. Non se pensa que un pobo pode vivir dun resto arqueolóxico, pero si se podería. En Inglaterra, por exemplo hai aldeas enteiras que viven exclusivamente dos seus xacementos. E non é que teñan máis patrimonio que nós, pero eles seguen unha filosofía distinta a que se segue aquí.

-¿Por qué?

-Alí a profesión arqueolóxica é moi respectada porque se sabe o que fai un arqueólogo e en qué traballa. Conciben os xacementos como un ben mercantilizable e consumible. O exemplo máis extremo e o Jorvik Centre, que é un centro comercial que no soto ten unha aldea vikinga, reconstruída e preparada como un parque de atraccións.

-¿Poderíase copiar?

-Non sei si se debería de chegar a ese punto, pero dende logo habería que repensar cómo valorizamos o noso patrimonio arqueolóxico. Por un lado pola propia riqueza para as zonas, e por outro para a investigación. A actual filosofía aquí é non abrir, e facer os estudios a través da coñecida como arqueoloxía da paisaxe, sen intervir directamente no xacemento. O problema é que así podes estudar e facer as túas hipóteses pero non tes logo cerámicas ou restos físicos que sustenten todas esas hipóteses.

Votación
3 votos