«En Ourense é complicado encontrar traballo nesto»

OURENSE

Seleccionada por Al Gore para o grupo de líderes contra o cambio climático, traballa de profesora de autoescola

11 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

É de Guitiriz, pero despois de estudar Física, de especializarse en Atmosfera e Medio Ambiente e empezar a cursar un máster de xestión de calidade en Medio Ambiente xa se considera unha ourensana máis. A súa formación facilitoulle ser un dos 200 líderes contra o cambio climático que recrutou Al Gore, pero aquí só pode traballar de profesora de autoescola.

-¿Cómo acaba unha persoa coa súa formación de profesora de autoescola?

-É dificil en Galicia encontrar un traballo, aínda que todavía non me preocupei moito en buscar porque quero acabar antes a miña formación. En Ourense está complicado encontrar traballo disto e xa estou plantexándome buscar fora.

-Vostede tivo a oportunidade de coñecer a Al Gore. ¿Qué lle pareceu?

-É un comunicador excelente. Hai xente que di que paga 1.400 euros por ver unha das súas conferencias e eu penso que despois de habelo visto os pagaría. Estivo sete horas falando con nós e non perdeu ningún momento a comunicación.

-¿Cal será o seu cometido no grupo de Al Gore?

-O noso compromiso é dar polo menos dez conferencias en todo o ano que ven. Procurarei poñerme en contacto con distintos tipos de asociacións, colexios,... O que se pretende é chegar a grupos distintos.

-¿Qué é exactamente o cambio climático?

-O cambio climático é o que estamos producindo por efectos antropoxénicos, é dicir os que producimos nós. Estamos emitindo moitos gases que antes non se emitían polas industrias ou os vehículos. O problema máis importante é o quentamento global, polo exceso de CO2. Cando chega o calor do sol este gas o absorbe e produce un quecemento.

-¿En qué notamos os ourensáns, por exemplo, este cambio climático?

-Ó primeiro é que todos vemos e dicimos que o tempo está tolo. Unha señora que contaba o outro día que en Montederramo hai trinta anos ou corenta non podía baixar por causa da neve durante semanas e iso hoxe non sucede. O cambio climático trae descompensacións.

-¿Cómo pode axudar cada un a cambiar isto?

-Simplemente con que reciclemos deixariamos de emitir unha tonelada de CO2 por persoa. Por exemplo, ó cambiar as bombillas por unhas de baixo consumo podes reducir 62 kilos de CO2 ó ano. Son pequenas cousas que poden axudar moito.

-Dise que Al Gore é alarmista e o seu documental é criticado por errores científicos. ¿Qué opinión ten vostede?

-Senón somos alarmistas isto pódesenos ir das mans. Se o quecemento global aumenta cada ano cómo podemos crer que agora non vai a aumentar. Ata que vemos os problemas non nos atrevemos a dicir «¡qué medo!».