Remisos ao galego

OURENSE

Crónica | Os nomes en castelán dos candidatos As listas electorais oficiais reflicten a tendencia de manter a tradición herdada da familia. Moitos candidatos aínda non optaron pola galeguización no carné de identidade

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A chegada do BNG ao Goberno autonómico supuxo un claro avance na normalización lingüística de Galicia. Por máis que sigamos cunha administración infestada de funcionarios aos que lle entra sarpullido cada vez que teñen que disimular que lles importa un bledo cumprir a lei de normalización ou que haxa conselleiros que aproveitan calquera físgoa para falar contra os «fundamentalistas bloqueiros», o certo é que se avanzou máis nestes dous anos que na maior parte dos anteriores gobernos populares. ?Aínda que sempre hai matices. Por máis que escoitemos ata a saciedade nos últimos tempos que «lingua e territorio» son a esencia e o futuro de Galicia, a realidade é que aos candidatos do BNG fáiselles un pouco costa arriba predicar co exemplo e a lectura da listaxe de candidatos na provincia -a oficial, a que se fai reflectindo o nome real que figura no carné de identidade- deixa en evidencia que aos nacionalistas pódelles máis a tradición e as reminiscencias españolistas que o compromiso. ? A situación Aínda que por todos lados nos chegan as mensaxes electorais e as proclamas de Alexandre Sánchez Vidal, Xosé Manuel Pérez Bouza, Tereixa Paz, Xabier Carreira, Xabier Saco, Xosé Manuel Quintela, Xosé Rodríguez Cid ou Xesús Deibe, entre outros, a realidade é moito máis túzara. O candidato do BNG á alcaldía de Ourense chámase, oficialmente, Alejandro Sánchez Vidal. O portavoz nacionalista na Deputación, e candidato en Porqueira, é José Manuel Pérez Bouza, como José Manuel figura na listaxe de Cea o candidato do BNG. A vicepresidenta do Parlamento, suplente na lista de Barbadás, segue sendo a efectos legais María Teresa Paz Franco e os «Xabieres» de Piñor e Ribadavia son Francisco Javier Saco e Francisco Javier Carreira. O delegado de Medio Rural, suplente en Cartelle, segue constando como José Rodríguez Cid e o candidato no municipio de Lobios loce un flamante Jesús Deibe.