«O ex presidente do consello é só un máis da candidatura»

C. Paradela RIBADAVIA

OURENSE

SANTI M. AMIL

Entrevista | Xurxo Rodríguez Méndez CANDIDATO DO BNG DE CASTRELO DE MIÑO Tras anos de militancia o cabeza de lista do BNG lidera unha lista a alcaldía nun municipio que perde poboación

04 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?urxo Rodríguez dá un paso cualitativo na súa carreira política ao decidir encabezar a lista nacionalista de Castrelo de Miño á alcaldía, tras trece anos militando no BNG e traballando ademais no Consello Comarcal do Ribeiro. -¿Por que decidiu dar o salto agora? -Pola experiencia que che permite este tipo de traballo interno e pola propia situación de Castrelo, creo que é o momento de apostar decididamente por Castrelo, xa que en 1995 eramos 3.500 habitantes e agora somos uns 2.000 escasos. -Optan á alcaldía tres formacións de esquerdas ¿será perxudicial á hora dos resultados? -A presentación da candidatura independente é un tema interno do PSOE que non soubo arranxar de bo xeito pero o único adversario é o PP, e contra iso loitamos. Nós somos vinte e un na candidatura, o máximo que permite a lei, e eles seguen sen ningunha renovación nos primeiros postos da lista, son os de sempre. -¡Renovación a súa coa incorporación do ex presidente do consello regulador, Ángel González! -Presentamos un equipo con clara vocación de gobernar e eliximos ás persoas que van contribuír a desenvolver o noso proxecto. Ángel González, o ex presidente do consello, é un máis da candidatura, dos vinte e un, e pode facer un gran papel con outras persoas, xa que na área agrícola tamén vai Cristalina Álvarez, unha muller moi preparada. -Non teme entón un voto de castigo pola súa vinculación co PP e coa familia Baltar. -Non creo. Levamos unha candidatura para gañar as eleccións, é a mellor lista que se presenta en Castrelo e aspiramos a ter o goberno. -¿Cales son os alicerces básicos do seu programa electoral? -Artellamos un programa en sete grandes partes que se resumen todas en lograr un Castrelo positivo. E ímolo a conseguir a través dun Castrelo para vivir. Para traballar. Do benestar. O cultural. O turístico. O tecnolóxico e o saudable. -¿Como se logra un Castrelo para vivir e para traballar? -Hai que recuperar e restaurar vivendas nos núcleos de poboación e construír vivendas de protección pública para asentar poboación, xa que estamos tan só a 15 minutos de Ourense. Crearemos ademais a concellaría de desenvolvemento vitivinícola e agraria, cun concelleiro e un grupo de funcionarios dedicados a este área en exclusiva e aprobar o PXOM para crear unha zona industrial. -¿Que proxectos son máis necesarios para Castrelo? -Entre as medidas que penso desenvolver, de obter a alcaldía, están un incremento dos servizos sanitarios en rede coa construción dun gran centro de día e dous auxiliares nas outras zonas do municipio, así como a mellora dos dous centros de saúde. Tamen quero achegar o club Naútico, o maior da Galicia interior, aos veciños porque está infrautilizado e estes non se involucran na súa promoción, e aproveitar os recursos como un xacemento termal xunto á piscina que pode convertela en climatizada ademais da construción dun hotel balneario, xunto a un gran centro multifuncional. O desenvolvemento termal estenderíao baixo a presa de Santa María, onde hai augas quentes esquecidas.