Continuaremos a facer xustiza

OPINIÓN

26 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de máis, xustifico o plural do título. Refírome a un feito das derradeiras décadas do século pasado e as do presente, que nos autorizan a pronunciarnos coa debida perspectiva histórica. Que doloroso sarcasmo que a posta en marcha da «autonomía» galega coincidise coa marxinación -por non dicer proscrición- da persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero, mesmamente el, con Lois Tobío, autor do primeiro anteproxecto do Estatuto Galego de preguerra!

 Nada é por casualidade, claro é, e tempo haberá de o relembrar e explicar máis unha vez. Tan certo como este feito foi que Carvalho, nesa súa derradeira década de vida, recebeu o cariño, recoñecemento e aplauso doutros moitos axentes sociais, políticos e culturais: a ovación inacabábel da Aula Magna da Facultade de Económicas de Compostela, absolutamente ateigada de público, na clausura do ciclo Problemática das linguas sen normalizar. Situación actual e alternativas (1978), organizado pola AS-PG; palestras por todo o país, da man de asociacións como O Facho, Alexandre Bóveda, Medulio, O Galo, AELG, AGAL, a MNL...; homenaxes en vida (as únicas verdadeiras); recoñecemento, en fin, do valor enorme dunha vida e dunha obra extensa e rigorosa posta ao servizo da nosa significación colectiva, como galegas e galegos, do coñecemento da nosa historia e da (expresión feliz da súa autoría) necesidade de rectificación da mesma.

Foi dilixente e lúcido comentarista de decisións político-xudiciais (como o recurso á Lei de Normalización Lingüística) que afectaron gravemente ao presente e ao porvir da nosa lingua, en artigos insuperábeis pola súa exactitude e clareza, moitos deles nestas mesmas páxinas.

Sempre nos tratou con afecto e con benevolencia, sen reparar na nosa ignorancia ou na nosa inxenuidade. Confiaba en que fósemos o relevo daquela súa xeración brutalmente interrompida pola barbarie da guerra civil española e do seu desenlace. Tiven a satisfacción de poder cumprir o desexo da profesora dona María Ignacia Ramos, a súa viúva, de que a súa biblioteca ficase, para uso público, no Parlamento galego, onde está desde 1997; cómpre recoñecer, como é de xustiza, que esta miña mediación contou desde o primeiro momento co apoio incondicional do daquela presidente da Cámara, o xa finado Victorino Núñez.

Facendo certa a sentenza terenciana, nada galego lle foi alleo; nada da nosa historia, cultura e literatura, que el proprio serviu con tanta calidade como versatilidade xenérica. Por todo digo que continuaremos a lle facer xustiza: espello e exemplo para a Galiza do presente.