Brahms

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

25 abr 2019 . Actualizado a las 10:15 h.

Brahms quedou durmido nun concerto de Listz e deixaron de ser amigos. Quizais a amizade é un modo de que o amigo permaneza esperto. A amizade é un valor nestes tempos sen valores, de campaña que agoniza, de profesionais do simulacro. Hai que volver aos amigos, ás cousas próximas: o insistente rumor dos afectos. Hai que volver á confianza. Confiar cando todo indica que debemos ser desconfiados. É a nosa natureza. A mesma que bebe na política. Proclamouno Aristóteles e dende aquela nós repetimos como papagaios aquela sentenza: «O home é por natureza un animal político». Mañá remata a campaña e comezará outra. Vivimos nun bucle de promesas que non se cumpren para prometer de novo o que nunca se cumprirá. Vivimos instalados na propaganda, a cosmética: todo mentira. Somos seres en tránsito incapaces de saír deste labirinto da política de baixa estofa que se instalou nas entrañas de España. Faltan ideas. O debate de ideas. As ideas están tan infravaloradas que un quere ser Brahms e quedar durmido: para non sufrir. Debo ser dos poucos que a tres días das eleccións ten a certeza (e digo certeza) de que o actual presidente do Goberno non volverá ser nunca máis presidente de ningún goberno. Parece inverosímil que aquel que fixo do engano (estafa, trampa, embeleco) o seu modo de ser e estar na política poida de novo dirixir os destinos de España, ou sexa, o destino de nós. A cidadanía non pode estar tan anestesiada. Talvez eu estea equivocado e non vexa máis alá do val de Monterrei, o castelo, os personaxes de mil ficcións pendurados do ceo terminal de abril. Absorto, distante, entre libros. Eles son tamén os meus amigos. Os que non me permiten quedar durmido, coma Brahms.