Anacoluto, megaciclo

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A intensidade dos acontecementos políticos da última semana deixounos un efecto colateral inesperado: o cuestionamento do léxico invectivo que se teñen adicado entre si algúns líderes políticos. Ata o punto que, coincidindo coa presentación do seu último libro, por el mesmo escrito, non foron poucos os que lembraron a afiada pero suxestiva capacidade metafórica e cualificativa de Alfonso Guerra.

 Aínda que, para os de certa xeración, o rei das invectivas da nosa mocidade é, sen lugar a dúbidas, outro persoeiro maduro (anda preto dos 90), só que de ficción: o colérico capitán Haddock. Tan ampla e enciclopédica é a súa panoplia verbal, que xa no 1991 apareceu a primeira recompilación das invectivas de Haddock, sucesivamente reeditada (Norma Editorial), dada a súa indubidable utilidade para os polemistas en xeral.

Pedro Sánchez iniciou o seu mandato propoñendo diálogo cos independentistas cataláns para corrixir a suposta falla previa do mesmo; pero conclúeo precisamente porque pese ao diálogo, relatores frustrados polo medio, non resolveu o problema xerado polos independentistas, que ademais non lle votaron os orzamentos. Pedro Sánchez xustificou a súa moción de censura pola imperiosa necesidade de «rexenerar» a política española; pero conclúe, cun par de dimisións ministeriais polo medio e algunha máis pendente de aplicarse os mesmos estándares, coñecendo un informe de Transparencia Internacional no que se indica que as percepcións sobre a corrupción en España («pese as sentenzas coñecidas») mantense igual que hai oito meses e medio, nos que el presidiu o executivo. Pedro Sánchez chegou ao Goberno pretendendo cumprir os compromisos de estabilidade presupostaria ao tempo que revertía os «recortes» sociais do anterior Executivo; pero marcha deixando un proxecto de orzamento dos que, tras negar as denuncias de todos os organismos públicos independentes (Airef; Banco de España; Comisión Europea), ata a súa propia ministra de Facenda afirma que tiñan un burato ou déficit de ingresos de 8.000 millóns de euros.

Pedro Sánchez convoca eleccións facendo unha chamada á moderación e aos acordos; pero o mesmo día o seu Consello de Ministros e Ministras aproba un proxecto de lei de educación, sen ningunha negociación previa e tras ter os socialistas abandonado a comisión parlamentaria na que se procuraba un pacto educativo por consenso. Pedro Sánchez convoca as eleccións criticando a polarización política cara os extremos, pero referíndose a oposición, «a dereita trifálica» da súa ministra de Xustiza, como o «bloque de Colón».

Hai un par de «haddockismos», ou cualificativos simpáticos pero non ofensivos, acaídos para designar a quen todo iso dixo e fixo. A quen o dixo: Anacoluto. Con el, Haddock converte a figura sintáctica consistente en unir dúas palabras de maneira incoherente no substantivo que designa a quen pronuncia discursos que cambian brusca e impensadamente, movidos pola precipitación e a emoción. E a quen esto fixo: Megaciclo. Fai referencia á unidade radioeléctrica equivalente a un millón de ciclos. Chámallo o Capitán ao Yeti que o derruba, a el e a todo o que o rodea, ao entrar sen contemplacións na súa cova, coma elefante en cacharrería, movido só pola procura do seu obxectivo.