Outro bandazo en educación

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

14 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ter chegado aínda a un acordo en educación é culpa tanto do PSOE como do PP, partidos que case gobernaron en toda a etapa democrática deste país. Ambos os dous foron incapaces de prescindir un mínimo das súas posturas ideolóxicas, verdadeiros atrancos do sistema educativo, e de centrarse nos auténticos problemas da educación desde hai moitos anos. O PSOE abortou a aplicación da LOCE (2002) do PP, por razóns exclusivamente partidistas. No 2010, o Goberno de Zapatero intentou levar adiante o Pacto social e político pola educación, pero o PP retirouse das negociacións esgrimindo tamén motivos de ideario. En maio do ano actual, o pacto coa mesma denominación, do Goberno de Rajoy, quedou paralizado ao levantarse da mesa o PSOE, aducindo desacordo no financiamento da educación. Este proceso semella non ter final, pois o novo Goberno de Sánchez vén de anunciar a modificación con urxencia de diversas partes da LOMCE, única norma que o PP logrou implantar parcialmente, e a aprobación dunha nova lei, que sería a oitava, en canto sexa posible. Os tres primeiros aspectos contra os que arremete agora o PSOE son a materia de Relixión, a concertación do ensino privado ou a selección da dirección dos centros docentes, teimas coas que acostuma iniciar sempre as súas etapas de mando. Pero é preciso recordar que nos seus 22 anos de Goberno non foi capaz de revisar os acordos entre o Estado Español e a Santa Sede, de 1979, nin o financiamento do ensino privado, que este mesmo partido iniciou coa LODE, en 1985.

Avecíñase, xa que logo, un novo bandazo na educación, aos que desafortunadamente xa estamos acostumados. E de seguro que será político, ideolóxico e cargado de desquite, como foron todos ata agora. Non vai haber unha serena reflexión sobre o que puideron ter de positivo cada unha das leis educativas pasadas, co fin de chegar a un punto de encontro no esencial, nas causas do alto abandono escolar, na carencia dunha boa base formativa ou nos graves problemas da universidade. Non, volverase a falar de financiamento, Relixión ou ensino concertado, cuestións que poden ser importantes, pero non prioritarias, entre outras razóns porque ningunha é causa dos males do noso sistema educativo.

A solución podería pasar por aprobarse dúas leis. Unha, de carácter político, que cambiaría cada vez que o fixese a cor do Goberno, e outra, esencialmente técnica, na que sería máis doado chegar a acordos en aspectos decisivos como son currículos, materias ou horarios; técnicas de estudo; avaliación e promoción do alumnado; educación en valores; colaboración familia e escola; formación e selección do profesorado; avaliación do sistema; inserción laboral... E, sobre todo, esta segunda lei tería estabilidade temporal, algo que caracteriza aos mellores sistemas educativos da nosa contorna.